saltar ao contido

O Xurado do Concurso Escolar do Parlamento comeza a revisión dos traballos para elixir gañador entre os 606 alumnos participantes

• O fallo do xurado coñecerase dentro de dez días e os premios entregarase o vindeiro 4 de xuño
 
• Satisfacción no Parlamento pola elevada participación rexistrada
 
• A edición deste ano busca incentivar o traballo en equipo
 
Santiago, 5 de maio de 2012.- O xurado encargado de seleccionar os gañadores da presente edición do Concurso Escolar do Parlamento de Galicia comezou a revisión dos traballos elaborados por un total de 606 alumnos, pertencentes a 49 centros educativos.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, expresa a súa satisfacción pola elevada participación rexistrada na actual edición. Entre as novidades desta convocatoria cabe salientar que só se pode presentar un traballo por clase e un máximo de cinco traballos por cada centro escolar, sendo o profesor, en colaboración co seu alumnado, o encargado de decidir o único traballo a enviar ao Parlamento de Galicia.  As bases tamén esixen que os traballos sexan colectivos, elaborados por un mínino de dous e un máximo de cinco alumnos.
 
O fallo do xurado darase a coñecer dentro de dez días e a entrega dos premios terá lugar nun acto previsto para o vindeiro día 4 de xuño nas dependencias do Parlamento de Galicia.
 
A actual é a segunda edición do concurso escolar do Parlamento de Galicia, unha iniciativa que se enmarca na aposta da presidenta da Cámara, Pilar Rojo, por dar a coñecer a institución e os valores que o lexislativo representa.
 
Pilar Rojo considera esencial concienciar e involucrar aos rapaces galegos nos valores da democracia parlamentaria razón pola que as bases desta edición do concurso escolar requiren traballos colectivos, para estimular o traballo en equipo dos participantes.
 
Modalidades
O concurso escolar do Parlamento de Galicia estrutúrase en tres modalidades, aínda que todos os traballos deberán versar sobre o Parlamento de Galicia. As modalidades son as seguintes:
 
• Concurso de debuxo/pintura (todas as técnicas)
Dirixido ao alumnado de infantil, de 1.º, 2.º e 3.º de educación primaria e de educación especial.
Formato e soporte do traballo:
- Medida en DIN-A 3
- Papel e cartolina
- Collage
-   Cómic
 
• Concurso de redacción
Dirixido ao alumnado de 4.º, 5.º e 6.º de primaria e 1.º e 2.º de secundaria. As redaccións serán manuscritas e terán unha extensión máxima dun folio.
 
• Concurso de expresión libre
Dirixido ao alumnado de 3.º e 4.º de secundaria. Valórase calquera tipo de expresión creativa como vídeo, fotografía, spot publicitario ou medio relacionado coas tecnoloxías da información, que poida ser inserido nunha páxina web. Non se admiten maquetas físicas.
 
Premios
En cada modalidade concédense dous premios: un primeiro premio para o grupo que resulte gañador, e un segundo premio ou premio finalista ao grupo que quede en segundo lugar.
 
Ademais concederase un premio á clase á que pertenza o grupo gañador, outro para o/a docente que coordinase o traballo do devandito grupo e outro ao centro educativo ao que pertenza ese grupo gañador.
 
Cada un dos alumnos gañadores do concurso de debuxo e pintura recibirá unha consola, un xogo sobre a arte de pintar e un lote de libros.
 
Os gañadores dos concursos de redacción e de expresión libre serán premiados cun ordenador portátil e un lote de libros.
 
A clase de cada grupo gañador será premiada cunha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia na data que decida o centro.
Cada un dos profesores coordinadores dos traballos gañadores terán como premio unha táboa dixital.
 
Ademais, os centros educativos dos equipos gañadores recibirán 2.000 euros para destinar á organización de actividades extraescolares ou actividades da biblioteca escolar.
 
Os grupos finalistas recibirá un MP4 e un lote de libros.
 
Xurado institucional
O Xurado encargado de seleccionar os traballos gañadores está presidido polo o vicepresidente primero da Cámara, Miguel Santalices Vieira; e tamén forman parte del a  presidenta da Comisión 4ª, Educación e Cultura, Marisol Piñeiro (por delegación da presidenta do Parlamento); o vicepresidente segundo, Francisco Cerviño González; a deputada Teresa Villaverde Pais (por delegación do secretario da Mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro), a vicesecretaria da Mesa, Carme Adán Vilamarín; e o profesor Xosé Manuel Rosales Noves, designado pola presidenta do Parlamento na súa condición de docente.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina