O Parlamento de Galicia abre ao público unha exposición sobre a arquitectura da súa sede

• O Parlamento de Galicia abre ao público unha exposición sobre a arquitectura da súa sede
 
• Pilar Rojo inaugurou a mostra, que se enmarca na aposta por dar a coñecer a institución
 
• A exposición está integrada por diferentes paneis que explican a evolución do conxunto e conta cunha maqueta do edificio
 
 
Santiago, 16 de maio de 2012.- A Arquitectura do Parlamento de Galicia. De Facultade de Veterinaria a sede da Cámara lexislativa galega, é o título dunha exposición aberta ao público este mediodía na sede do lexislativo autonómico e que fai un percorrido a través da historia do Pazo do Hórreo.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou a mostra, coa que se trata de suscitar o interese social sobre a Cámara autonómica, pero tamén reivindicar e dar a coñecer a arquitectura dun edificio que foi levantado nos inicios do século pasado como escola de veterinaria e que logo dunha longa etapa como cuartel militar, acabou convertido en sede do poder lexislativo galego logo dun “exemplar proceso de rehabilitación”.
 
A exposición está integrada por diferentes paneis que explican a evolución do conxunto, e unha maqueta do edificio actual para achegárllelo  a todos os visitantes, e tamén ás persoas invidentes.
 
Rojo Noguera valorou a decisión adoptada pola Mesa do Parlamento en 1986, que convocou un concurso internacional de arquitectura na procura do mellor proxecto para a rehabilitación do inmoble.
 
“Andrés Reboredo, mestre de varias xeracións de arquitectos, e gañador por méritos que á vista están do concurso internacional, permitiu articular unha proposta moi axeitada, na que destaca a peza de arquitectura contemporánea inserida sobre piares no centro do patio, e que acolle o hemiciclo”, explicou Pilar Rojo.
 
Rehabilitación plenamente vixente
En palabras da presidenta do Parlamento, da rehabilitación executada 25 anos atrás resultou unha “obra sobria e ben feita, cunha linguaxe formal, sincera e sen concesións, plenamente vixente pese ao tempo transcorrido”.
 
“Os arquitectos sabemos que, as veces –agregou Pilar Rojo- afrontar a rehabilitación dun edificio é máis complicado que realizar un novo, non só polo valor histórico da parte que se ten que conservar, senón tamén polo estado da fábrica previa, xa que poucas veces se coñece en qué condicións se atopa a construcción antes do inicio das obras de rehabilitación”.
 
Un dos mellores exemplos de arquitectura institucional
En opinión da presidenta da Cámara, o proxecto de rehabilitación de Andrés Reboredo, e as intervencións puntuais de Iago Seara e Víctor López, “constribuíron a converter este edificio nun dos mellores exemplos da arquitectura institucional de Galicia” e a situalo entre unha das máis logradas sedes dos parlamentos autonómicos de España.
 
Ao instalar a mostra na biblioteca do Parlamento perséguese un dobre obxectivo: dispoñer dun ambiente recollido e entrañable para unha mostra que merece ser visitada con detemento, pero tamén dar a coñecer esta dependencia e os volumes que alberga.
 
Biblioteca aberta aos investigadores
Pilar Rojo recordou que “que se ben é certo que a Biblioteca do Parlamento de Galicia está ao servizo da Cámara, as súas portas están abertas aos investigadores interesados nas ciencias xurídicas e nas diferentes materias que abranguen os fondos bibliográficos que integran o catálogo –que pode consultarse na nosa páxina web-, incluíndo ás coleccións de Carballo Calero e dos Irmáns Vilar Ponte”.
 
O horario de visita da mostra será o comprendido entre as 09,30 e as 14,00 horas de luns a venres, e de 16,30 a 19,00 horas, de luns a xoves.
 

Imaxes relacionadas