Os parlamentarios galegos pasarán un control de saúde cardiovascular no Pleno da próxima semana

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, inaugurará a Xornada de saúde
 
 
 
. Máis de 122.000 persoas morren cada ano en España por culpa das enfermidades cardiovasculares (ECV), que é a primeira causa de mortalidade nacional
 
. A hipertensión arterial, o colesterol, a diabete, o tabaco e a obesidade, principais factores de risco cardiovascular, son os responsables do 80% dos casos de cardiopatía coronaria e enfermidade cerebrovascular, a pesar de ser modificables
 
. A campaña "O teu corazón é vital. Toma o control" pretende potenciar a prevención das ECV e o control dos seus factores de risco a través da implicación da clase política como representantes da poboación

Santiago, 22 de abril de 2010- O Parlamento de Galicia acollerá o próximo 27 de abril, coincidindo coa primeira xornada de Pleno, a Xornada de saúde cardiovascular enmarcada dentro da Campaña "O teu corazón é vital. Toma o control". A iniciativa percorreu durante 2009 as comunidades de Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Aragón, Baleares, Madrid e Canarias.
 
Esta campaña está impulsada pola Fundación Española do Corazón (FEC), co apoio da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) e a colaboración de Novartis e Esteve. O obxectivo é sensibilizar e concienciar a poboación sobre a importancia de controlar a súa saúde cardiovascular a través da implicación da clase política, xa que sendo estes os representantes
elixidos por todos os cidadáns, han de ser un exemplo que se deba seguir para lograr unha redución das enfermidades cardiovasculares no noso país.
 
Durante esta xornada, os parlamentarios, funcionarios e xornalistas acreditados terán a oportunidade de avaliar os seus factores de risco cardiovascular a través dun circuíto médico, tras o cal cardiólogos da Sociedade Española de Cardioloxía lle entregarán a cada participante un informe detallado do seu estado de saúde cardiovascular e lle darán as recomendacións pertinentes para levar a cabo unhas sinxelas pautas de vida saudable que lle permitirá controlar a saúde do seu corazón.
 
As probas que se levarán a cabo durante o circuíto médico serán:
 
Medición do peso, a estatura e o perímetro abdominal

Determinar o nivel de glicosa e colesterol en sangue
  
Medir a presión arterial e a frecuencia cardíaca
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas