Pilar Rojo agradece a participación na Xornada de Portas Abertas do Parlamento, “consolidada” xa no programa de actividades da Cámara

• A presidenta do Parlamento, acompañada por membros da Mesa, da Xunta de Portavoces e doutros deputados, recibiu na sede lexislativa aos primeiros visitantes
 
• Os visitantes teñen ocasión de efectuar unha visita guiada á sede do poder lexislativo, ou coñecer as dependencias por libre, seguindo un percorrido sinalizado
 
• A exposición sobre a arquitectura do Parlamento, aberta ao público na biblioteca, esperta o interese dos visitantes
 
Santiago, 26 de maio de 2012.- O Parlamento de Galicia, que este sábado celebra a terceira edición da Xornada de Portas Abertas, recibe desde as 10,00 horas de hoxe a numerosos visitantes, atraídos pola posibilidade de coñecer a sede do poder lexislativo galego e no marco dunha programación que tamén permite departir cos deputados ou participar en votacións simuladas no Hemiciclo. A Xornada de Portas Abertas desenvólvese ininterrompidamente ata as 18,00 horas.
 
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, acompañada por membros da Mesa e da Xunta de Portavoces, e por outros deputados, recibiu aos primeiros visitantes que se achegaron ao Pazo do Hórreo, onde teñen ocasión de efectuar unha visita guiada, ou de coñecer as dependencias pola súa conta, seguindo un percorrido sinalizado que permite achegarse ás principiais dependencias do edificio.
 
En declaracións aos xornalistas, Pilar Rojo agradeceu a participación cidadán que se está a rexistrar e considerou que, ao chegar á súa terceira edición, a Xornada de Portas Abertas se converteu xa nunha actividade “consolidada” na programación de actividades da Cámara lexislativa galega.
 
Exposición de arquitectura
Este ano, como novidade, as persoas que hoxe se acheguen ao Pazo do Hórreo poden visitar a exposición A Arquitectura do Parlamento de Galicia. De Facultade de Veterinaria a sede da Cámara lexislativa galega, e que, a través de diferentes paneis, efectúa un percorrido pola historia e as diferentes intervencións ás que foi sometido o edificio.
 
A mostra, instalada na Biblioteca do Parlamento, suscitou a atención dos primeiros visitantes, tanto pola información que ofrecen os paneis, como pola maqueta do edificio.
Os nenos que visitan o Parlamento reciben como agasallo un libro divulgativo sobre a institución, obra de Roberto Blanco Valdés, catedrático de dereito constitucional da Universidade de Santiago de Compostela. 
 
 

Imaxes relacionadas