saltar ao contido

Pilar Rojo: “Temos un Parlamento con máis calidade democrática e un Goberno que se somete ao control da Cámara lexislativa”

 A presidenta do Parlamento de Galicia fai balance do primeiro ano da VIII lexislatura, no que o volume de leis aprobadas aumenta un 71%, medra a pluralidade no reparto de iniciativas e o xefe do Executivo responde a dúas preguntas da oposición en cada Pleno
 
 
• Máis aló das cifras, priorízase a calidade do labor lexislativo e a pluralidade democrática dos debates
 
• No medio prazo, Rojo Noguera aspira a eliminar a tensión dos debates e a completar a incorporación da Cámara ás novas tecnoloxías
 
• “Os cidadáns piden cordialidade e consensos”
 
Santiago, 23 de abril de 2010.- Un ano despois do inicio da actual VIII lexislatura do Parlamento de Galicia, a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, conclúe que, neste momento, “temos un Parlamento con máis calidade democrática e un Goberno que se somete ao control da Cámara lexislativa”.
 
Rojo Noguera fixo estas declaracións nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá para facer balance deste primeiro ano de actividade parlamentaria, iniciado coa solemne sesión de apertura que tivo lugar o 21 de abril de 2009.
 
Como exemplo de maior pluralidade da Cámara, recordou o acordo de reparto de iniciativas, que resulta satisfactorio para os tres grupos e que se traduce nunha situación radicalmente oposta á da pasada lexislatura, cunha Cámara moito máis plural e democrática. 
 
No pasado mandato, en cada Pleno, os grupos que apoiaban o Goberno formulábanlle cadansúa pregunta ao presidente da Xunta, fronte a unha da oposición. Mentres, nesta lexislatura, “reforzouse o labor de control do Parlamento e, polo tanto, a calidade democrática”, xa que, en cada Pleno, o presidente da Xunta contesta a dúas preguntas da oposición e a ningunha do grupo que apoia o Goberno.
 
A xuízo da presidenta do Lexislativo galego, a calidade do traballo que se desenvolve nun Parlamento non pode medirse exclusivamente en cifras, dado que é máis importante a calidade que a cantidade. É dicir, priorízase a calidade do labor lexislativo e a pluralidade democrática dos debates.
A produción lexislativa medra un 71%
 
Con todo, o reconto cuantitativo deste ano de actividade parlamentaria tamén resulta satisfactorio, xa que se aprobaron doce leis, fronte ás sete promulgadas no mesmo período da anterior lexislatura, o que se traduce nun incremento do 71%. Tamén se aprobaron trinta e nove proposicións non de lei en Pleno, con modificacións, e doce proposicións non de lei en Pleno, sen modificacións. En Pleno foron rexeitadas corenta e dúas PNP. É dicir, o volume de iniciativas de impulso aprobadas supera amplamente o das rexeitadas, o que reforza o papel do Parlamento como órgano de impulso da acción de Goberno.
 
Recordou tamén a presidenta do Parlamento que o titular da Xunta compareceu neste ano en tres ocasións diferentes, sen contar o debate sobre o estado da Autonomía, e que unha desas comparecencias foi por iniciativa dun dos grupos da oposición. Núñez Feijóo respondeu, ademais, a trinta e cinco preguntas orais en Pleno.
 
Á vista da memoria do primeiro ano de actividade parlamentaria da actual lexislatura –publicado na web da institución-, Rojo Noguera aseverou que o Parlamento de Galicia funciona como unha verdadeira Cámara de control e impulso da acción de Goberno.
 
Como obxectivos a curto e medio prazo, na rolda de prensa, que tivo lugar esta mañá, a presidenta do Parlamento avanzou a súa intención de mellorar a informatización do Parlamento a través dun plan director de novas tecnoloxías, que xa se atopa en avanzado estado de elaboración. Aspira tamén a reforzar a proxección exterior da Cámara lexislativa e, na medida do posible, a tratar de reducir a tensión nos debates, dado que “os cidadáns piden cordialidade e consensos” que repercutan sobre os grandes asuntos de país.
 
Compromiso permanente coa austeridade
 
Insistiu, ademais, na súa intención de manter a austeridade como unha das liñas mestras da súa xestión á fronte da Presidencia da Cámara, como xa quedou en evidencia con medidas como a redución do salario dos deputados nun 3% para 2010, a rebaixa do orzamento desagregado da institución nun 5,29% no actual exercicio, a supresión dos agasallos de Nadal ou a implantación dun plan que permitiu reducir o gasto da institución en 1,7 millóns de euros a finais do ano pasado.

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina