Pilar Rojo anima aos parlamentos rexionais europeos a compartir experiencias para gañar en eficiencia e achegarse aos cidadáns

• Asistiu a unha reunión do comité Permanente da CALRE na súa condición de  presidenta dun Grupo de Traballo sobre modelos rexionais europeos, onde explicou a aposta da Cámara galega por abrirse á sociedade
• A xuntanza contou coa asistencia de representantes de parlamentos rexionais europeos e do Congreso de Poderes Rexionais e Locais do Consello de Europa

• O obxecto é comparar e compartir as vantaxes dos diferentes modelos intitucionais e de gobernanza

• O Comité Permanente da Calre aproba unha declaración institucional  que reivindica o apoio da Comisión Europea para as iniciativas de cooperación transfronteiriza
 
Santiago, 31 de maio de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, animou hoxe aos representantes de diferentes cámaras lexislativas rexionais reunidos en Innsbruck (Austria) a “poñer en común o mellor de cada unha das nosas institucións e, a partir desa experiencia conxunta, tratar de extendelas aos nosos respectivos ámbitos de traballo cun dobre obxectivo: gañar eficiencia e acadar unha maior proximidade aos cidadáns”.
 
Pilar Rojo efectuou estas reflexións na súa condición de presidenta dun Grupo de Traballo sobre Modelos Institucionais-democracia rexional, liderado por Galicia, no transcurso dunha reunión co Comité Permanente da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE).
 
A xuízo de Pilar Rojo, “nun momento no que os cidadáns cuestionan á clase política, experiencias como a deste grupo de traballo poden  resultar de extraordinaria utilidade”.
 
O caso galego
No caso de Galicia, Pilar Rojo recordou que esta Comunidade, incluído o Parlamento, leva tres anos aplicando medidas de austeridade  e que a Cámara lexislativa se esforza por desenvolver estratexias encamiñadas a abrir a institución ao conxunto da sociedade, como quedou de manifesto durante a pasada fin de semana coa celebración da terceira edición da xornada de portas abertas do Parlamento de Galicia.
 
Os participantes neste grupo de traballo presentaron a estrutura da súa rexión de orixe para comparar os distintos modelos institucionais e culturas xurídicas rexionais. As vantaxes que se observen en cada caso serán postas en común coa intención de contribuir a mellorar a gobernanza dos diferentes membros da CALRE (integrada por asambleas lexislativas de 74 rexións europeas de 8 países diferentes da UE).
 
A reunión contou coa asistencia do presidente da CALRE e presidente da Asemblea de Estremadura, Fernando Manzano, e do presidente da Cámara de Rexións do Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa e presidente do Parlamento de Tirol, Herwing Van Staa. Tamén asistiron os presidentes dos parlamentos autonómicos do País Vasco e de Canarias, entre outros.
 
Declaración institucional
O Comité Permanente da CALRE aprobou, co apoio de Galicia,  unha declaración institucional na que, entre outros aspectos, reivindica a importancia das distintas formas de colaboración transfronteiriza no ámbito rexional.
 
“As rexións con poder lexislativo apelan á Comisión Europea para que apoie activamente as cooperacións transfronteirizas e as macrorrexións”, afirma  a denominada Declaración de Innsbruck.
 
Despois da reunión do Comité Permanente da CALRE, Pilar Rojo presidiu a reunión de posta en marcha do proxecto denominado “Twin a region” (Irmanamento cunha rexión), que tamén lle foi encargado a Galicia e está impulsado pola CALRE e pola Conferencia de Poderes Rexionais e Locais do Consello de Europa (con 318 membros, pertencentes a 47 países).
 
Con esta iniciativa preténdese poñer en valor as fortalezas detectadas e mesmo impulsar o parlamentarismo en rexións que carecen de cámaras lexislativas propias.

 

Imaxes relacionadas