O Parlamento de Galicia aclara que o Regulamento da Cámara non pode ser reformado pola Deputación Permanente

• En resposta ao escrito presentado polo portavoz de AGE, a presidenta da Cámara recorda que a composición da Mesa do Parlamento está recollida no Regulamento da Cámara que, por ter rango de lei, só pode ser modificado a través do procedemento lexislativo, competencia da que carece a Deputación Permanente
 
• Razóns de carácter xurídico impiden dar trámite á petición formulada por AGE


Santiago, 15 de novembro de 2012.- Dado que a composición da Mesa do Parlamento está establecida polo Regulamento da Cámara (artigo 29.2) e que este ten rango de lei, a súa modificación só pode efectuarse a través do procedemento lexislativo e por un órgano con competencias lexislativas das que carece a Deputación Permanente.
Este é o eixe da resposta xurídica enviada esta tarde pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, ao portavoz de AGE, que presentara un escrito solicitando aumentar o número de membros da Mesa da Cámara. Razóns de carácter xurídico impiden, polo tanto, dar trámite á petición formulada por AGE.
 
A resposta da presidenta da Cámara foi presentada esta mesma tarde no Rexistro do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas