Constituída a IX Lexislatura do Parlamento de Galicia

 A presidenta da Cámara apela ao “esforzo compartido, a capacidade de diálogo e o espírito de consenso” para “construír entre todos unha Galicia aberta, plural e solidaria”
 

Santiago, 16 de novembro de 2012.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a sesión constitutiva da IX Lexislatura, nun acto que arrancou coa constitución da Mesa de Idade, seguida da elección e constitución da Mesa do Parlamento e a promesa ou xuramento de acatar e gardar fidelidade á Constitución e ao Estatuto de Galicia  por parte de todos os deputados e deputadas.
 
A composición da Mesa do Parlamento é a seguinte:
 
• Presidenta: Pilar Rojo Noguera (PP)
• Vicepresidente 1ª: Miguel Ángel Santalices Vieira (PP)
• Secretario: José Manuel Balseiro Orol (PP)
• Vicepresidenta 2ª: María Soledad Soneira Tajes (PSdeG-PSOE)
• Vicesecretaria: Concepción Burgo López (PSdeG-PSOE)
 
Nunha breve intervención ao remate do acto, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, sinalou que “por riba do que nos separa, únemos a todos algo moito máis importante, a paixón e as enormes gañas de traballar por Galicia”.
 
Esforzo, diálogo e consenso
“Confío –engadiu Rojo Noguera- en que desde o primeiro día sexamos capaces de estar á altura das circunstancias para poder responder adecuadamente ao que as galegas e os galegos agardan de nós”.
 
Recordou a presidenta da Cámara que “a Historia ten demostrado que, desde o esforzo compartido, a capacidade de diálogo e o espírito de consenso, podemos construír entre todos unha Galicia aberta, plural e solidaria”

Imaxes relacionadas