• Miguel Santalices, vicepresidente do Parlamento, advirte sobre os riscos do abandono escolar e insiste en que a formación é o camiño axeitado para a inserción laboral e a realización profesional e persoal
• Esta actividade busca concienciar aos máis novos sobre a cidadanía europea e a cultura de debate parlamentario construtivo
Santiago, 22 de febreiro de 2013.- O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde o acto de apertura da XIII Sesión Nacional de Modelo de Parlamento Europeo, unha actividade organizada pola Fundación San Patricio e polo Colexio Manuel Peleteiro co obxectivo de fomentar entre os máis novos a conciencia de cidadanía europea e a cultura de debate construtivo, mediante a recreación de sesións parlamentarias escolares, de ámbito nacional e europeo.
No acto inaugural, o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, valorou que iniciativas como esta “contribúen a estender o coñecemento das institucións entre os mozos e son merecedoras do recoñecemento xeral, especialmente nos nosos días”. Ao acto asistiu tamén a vicepresidenta segunda da Cámara, María Soledad Soneira.
Sostibilidade
Dos asuntos elixidos como centro dos debates inaugurados hoxe, o vicepresidente do Parlamento referiuse ao que leva por título “A cidade sostible”. Ao seu xuízo, da concienciación dos máis novos sobre este aspecto depende, en boa medida, “o modelo de sociedade que vós mesmos deberedes articular nun futuro inmediato; un modelo fuxa dos erros actuais, recupere unha relación máis harmoniosa co noso contorno e poña en valor os recursos endóxenos de cada territorio”.
Evitar a autoexclusión xuvenil
Tendo en conta que outro dos asuntos se debate de titula “A integración das persoas con discapacidade na sociedade”, Santalices Vieira chamou tamén a atención sobre o que denominou a “autoexclusión” protagonizada por un elevado número de mozos europeos.
Referiuse Miguel Santalices aos “rapaces e rapazas que, en xeral, tiveron e teñen unha vida de comodidades proporcionadas por uns pais que tenden a suplir a falta de tempo con concesións materiais; xóvenes que caen na tentación de abandonar os estudos por falta de interese, e tamén animados pola falsa crenza de que unha formación de excelencia non é capaz de proporcionar a estabilidade laboral propia das anteriores xeracións; persoas que, ao fin e ao cabo, entran nun círculo vicioso de moi difícil saída”.
Fronte a esta realidade, Santalices botou en falta unha maior atención das autoridades comunitarias a este fenómeno de autoexclusión xuvenil.
Con todo, o vicepresidente da Cámara galega instou aos mozos presentes no acto a reflexionar sobre esta realidade, instándoos a non caer na tentación de abandonar os estudos, “que supoñen non só a mellor garantía de inserción laboral, senón tamén un salvoconduto cara a realización profesional e persoal á que todos aspiramos e que toda persoa merece”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia