A Escola de Arquitectura da Coruña amosa unha exposición sobre o Parlamento de Galicia


• Está integrada por diferentes paneis que explican a evolución do conxunto e unha maqueta do edificio
 
• Pilar Rojo reivindica o proxecto de rehabilitación, obra de  Andrés Reboredo, que converteu á sede do lexislativo galego nunha das mellores de España

Santiago, 4 de marzo de 2013.- A Arquitectura do Parlamento de Galicia. De Facultade de Veterinaria a sede da Cámara lexislativa galega, é o título da exposición que se amosa desde hoxe na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e que foi inaugurada este mediodía pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo Noguera.
 
A mostra, que previamente se puido visitar na sede do Parlamento, en Santiago, fai un percorrido a través da historia do Pazo do Hórreo e pretende dar a coñecer a arquitectura dun edificio que foi levantado nos inicios do século pasado como escola de veterinaria e que tras unha longa etapa como cuartel militar, acabou convertido en sede do poder lexislativo galego logo dun exemplar proceso de rehabilitación.
 
Maqueta e paneis
 
A exposición está integrada por diferentes paneis que explican a evolución do conxunto e unha maqueta do edificio actual para achegárllelo  a todos os visitantes, e tamén ás persoas invidentes.
 
Pilar Rojo expresou a súa satisfacción por poder amosar a exposición na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e que permite  de render homenaxe ao autor do proxecto de rehabilitación do Pazo do Hórreo como sede do Parlamento, o arquitecto galego Andrés Reboredo, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña que, no seu momento, gañou o concurso internacional convocado a tal efecto. O resultado da rehabilitación converteu á sede do lexislativo galego nunha das mellores de España.
 
Pilar Rojo, que se definiu a sí mesma como “arquitecta de formación e de corazón”, agradeceu tamén a colaboración brindada pola Escola de Arquitectura para levar á Coruña esta mostra. “Agardo que a mostra achegue aos estudantes non só a arquitectura do Parlamento, senón tamén ao Parlamento de Galicia”, afirmou.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
 

Imaxes relacionadas