saltar ao contido

O Parlamento e a Real Academia colaborarán na organización dunha mostra sobre a historia do Día das Letras Galegas

• A presidenta da Cámara recibiu hoxe na sede do poder lexislativo ao novo presidente da Real Academia Galega
 
Santiago, 20 de maio de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, recibiu hoxe ao novo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, co que acordou a organización dunha mostra sobre as figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas ao longo do último medio século, coincidindo do 50 aniversario da instauración desta celebración, proposta pola RAG a instancias de Francisco Fernández del Riego.
 
A mostra terá como base as medallas de cada un dos persoeiros homenaxeados no Día das Letras Galegas que posúe o  Parlamento de Galicia e son obra do debuxante Siro López e do escultor Manuel Ferreiro.
 
A exposición, que inicialmente se amosará na sede do poder lexislativo galego e posteriormente podería ter carácter itinerante, será organizada polo Parlamento, e contará coa colaboración da Real Academia Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
 
Durante o encontro, celebrado esta mañá no despacho da presidenta do Parlamento, en Santiago, Rojo Noguera amosou a Alonso Montero a medalla encargada polo Parlamento coa efixie de Roberto Vidal Bolaño, ao que se dedicou o Día das Letras Galegas deste ano. Pilar Rojo felicitou a Alonso Montero pola súa elección como presidente da RAG e desexeoulle éxito na súa xestión.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina