• A presidenta do Parlamento recibiu a unha representación dos organizadores e participantes na Campaña Mundial pola Educación 2013 en Galicia, que lle entregaron un manifesto que será trasladado aos grupos parlamentarios
• Rojo Noguera reivindica a educación dos máis novos como vía para articular unha sociedade universal máis xusta e equitativa
Santiago, 23 de maio de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, afirmou hoxe que “sen educación, e nisto creo que todos coincidimos, non hai futuro posible”. Foi no transcurso dunha reunión celebrada no Pazo do Hórreo cunha representación dos organizadores e participantes na Campaña Mundial pola Educación 2013 en Galicia, que lle fixeron entrega dun manifesto que a presidenta do Parlamento se comprometeu a trasladar aos grupos parlamentarios.
Pilar Rojo agradeceu que os organizadores da iniciativa escolleran este ano o Parlamento de Galicia como “interlocutor e receptor das demandas” da Campaña Mundial pola Educación. E insisiu en que “nada de canto sucede ao noso redor resulta alleo ao Parlamento de Galicia”.
Ao seu xuízo, “a educación é o mellor medio para garantir a igualdade; é o único que permite que todos os nenos e nenas podan ter acceso ás mesmas oportunidades na vida”.
Sociedade máis xusta e equitativa
A presidenta da Cámara felicitou aos impulsores e participantes nesta campaña por defender “unha sociedade universal máis xusta e equitativa, centrando a atención no máis esencial para o desenvolvemento de calquera pobo: a educación dos máis novos”.
Con todo, a xefa do lexislativo galego recordou que “atravesamos momentos complicados” que obrigan a “facer máis con menos” e “a todos se nos pide esforzo e eficiencia”.
Impulsores
A Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación está formada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, InteRed, e Seminario Galego de Educación para a Paz. Desde o ano 2004 máis de trescentos centros educativos galegos teñen colaborado coa Campaña Mundial pola Educación en Galicia, segundo datos da propia organización.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.