saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 28 de maio de 2013

4.2- 4625 (09/PNP-000336)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro
Sobre a elaboración e a presentación polo Goberno galego no Parlamento de Galicia dun informe mensual en relación coa vía de arbitraxe que se está a desenvolver en relación coa comercialización indebida das participacións preferentes das entidades financeiras.
Publicación da iniciativa, BOPG nº 67, do 12.03.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, en relación coa arbitraxe das preferentes, elabore e presente ante a Cámara un informe mensual que inclúa información sobre o número de reclamacións aceptadas pola entidade bancaria, así como o número de vistas celebradas e os laudos emitidos.
 
O Parlamento de Galicia, co obxectivo de que todos os aforradores afectados polas preferentes, subordinadas e outros híbridos fiananceiros recuperen a totalidade dos cartos, insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Dotar dos medios humanos e materiais necesarios o sistema de arbitraxe establecido no Instituto Galego de Consumo co obxecto de axilizar os procedementos.
 
2. Que, dentro das súas competencias, faga públicos os criterios de inclusión e exclusión na arbitraxe co fin de transparentar a  súa concesión.
 
3. Prestar asesoramento xurídico a todas aquelas persoas que así o requiran e que posúan paiticipacións preferentes e obrigas subordinadas para poderen demandar xudicialmente as entidades financeiras.
 
4. Solicitar da Comisión Europea da Competencia e do Goberno de España que retiren a esixencia das quitacións para as persoas afectadas por esta comercialización indebida».
 
4.5 - 6269 (09/PNP-000470)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa López, Enrique e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para a construción dunha nova vía de enlace para o polígono ourensán de San Cibrao das Viñas desde a estrada N-525 ata a autovía das Rías Baixas A-52.
Publicación da iniciativa, BOPG nº 89, do 18.04.2013
 
O  texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Tramitar coa maior celeridade posible a elaboración do estudo informativo e a licitación da redacción do proxecto construtivo dunha nova vía de enlace para o polígono ourensán de San Cibrao das Viñas, desde a estrada N-525 ata a autovía das Rías Bailas A-52, procurando o menor impacto e as menores afeccións no seu trazado.
 
2. Dirixirse novamente ao Ministerio de Fomento co obxecto de tratar de articular unha fórmula de colaboración que permita, coa maior brevidade posible, a consecución desta importante conexión entre dúas vías de competencia estatal».
 
4.6 - 7424 (09/PNP-000558)
Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda
Díaz Pérez, Yolanda
Sobre a realización de xestións polo Goberno galego diante do Goberno central para o reinicio pola Axencia Tributaria, ao abeiro do Plan de residencias suntuarias, das investigacións daqueles patrimonios susceptibles de teren vinculacións co narcotráfico
Publicación da iniciativa, BOPG nº 102, do 15.05.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta:
 
1. A que se dirixa ao Goberno do Estado para que reinicie, no caso de estaren interrompidas, con todos os medios materiais e humanos necesarios, as investigacións por parte da Axencia Tributaria dos patrimonios susceptibles de teren vencellos co narcotráfico ou con calquera outra actividade de defraudación fiscal.
 
2. A que se dirixa ao Goberno de España e solicite un informe pormenorizado sobre o procedemento e o resultado da investigación por parte da Axencia Tributaria dos patrimonios susceptibles de teren vencellos co narcotráfico, ao abeiro do Plan de residencias suntuarias. Este informe será trasladado ao Parlamento de Galicia, respectando a lei de protección de datos de carácter persoal, para dar conta das actuacións realizadas, das contías e dos resultados obtidos».

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina