Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre o Sahara Occidental

Declaración de Compostela  
 
12 de xuño de 2013
 
O Parlamento de Galicia, consciente da responsabilidade histórica, legal e política que o Estado español ten coa situación no Sáhara Occidental (descolonización non culminada), realiza un chamamento ao Goberno do Estado español para que:
 
- Outorgue un status diplomático á Representación da Fronte Polisaria en España, como única e lexítima representante do pobo saharauí, así recoñecido pola ONU, como paso previo ao recoñecemento da RASD.
 
- Promova as iniciativas políticas necesarias dirixidas a acadar unha solución xusta e definitiva, en defensa do lexítimo dereito do pobo saharauí á súa autodeterminación, mediante un referendo libre e regular, onde se contemplen todas as opcións, como paso final ao proceso de descolonización inacabado.
 
- Esixa ao Reino de Marrocos o escrupuloso respecto polos Dereitos Humanos no territorio ocupado do Sáhara Occidental e o cesamento das vulneracións de dereitos que sofre a poboación saharauí.
 
- Traballe activamente, dentro da Unión Europea, para que a MINURSO vexa ampliadas as súas funcións tamén á vixilancia do cumprimento dos dereitos humanos no Sahara Occidental.
 
- Intensifique a cooperación humanitaria coa poboación saharauí, tanto nos campamentos de refuxiados coma nos territorios ocupados.
 
Do mesmo modo, e coa máxima esixencia, o Parlamento de Galicia acorda:
 
- Esixir ao Reino de Marrocos a inmediata liberación dos presos políticos e de conciencia saharauís, así como a anulación dos xuízos levados a cabo polos seus tribunais contra os e as saharauís.
 
- Esixir ao Reino de Marrocos que poña fin ao expolio de recursos naturais no Sáhara Occidental.
 
- Esixir o desmantelamento do “muro da vergoña” construído no Sáhara Occidental e o cesamento da utilización de minas anti-persoa.
 
- Instar a Nacións Unidas a axilizar a solución xusta e duradeira do conflito do Sáhara Occidental, solución que pasa por levar á práctica o dereito de autodeterminación do pobo saharauí. E a que dote a Minurso da potestade para a salvagarda dos dereitos humanos da poboación saharauí no territorio ocupado. E esixir aos países do Consello de Seguridade que non obstaculicen a resolución do conflito.
 
- Facer unha especial mención á situación dramática de soidade e desarraigo das mulleres saharauís das zonas ocupadas –non coñecida de forma suficiente pola cidadanía e a comunidade internacional–, vítimas da violación dos dereitos humanos. En particular, as desaparecidas nos ditos territorios.
 
- Instar o conxunto de institucións públicas de España a continuar o apoio solidario e humanitario, reforzando a cooperación, tanto á poboación refuxiada nos campamentos de Tinduf como aos habitantes saharauís dos territorios ocupados.
 
- Instar a Unión Europea a colaborar na procura da solución antes apuntada e a facer efectiva a cláusula de respecto polos dereitos humanos establecida no Acordo Preferencial co Reino de Marrocos.
 
- Invitamos os medios de comunicación a que traten o conflito do Sáhara Occidental coa mesma importancia e relevancia que lle confire á sociedade española. E animamos a tantas persoas solidarias a que a través das redes sociais se difunda e denuncie a situación do Sáhara ocupado.
 
- Establecemos como prioridade para a acción dos Intergrupos neste ano 2013 o apoio á poboación saharauí dos territorios ocupados a través do envío de misións de observación.
 
Esta Declaración remitirase á representante do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, ao Goberno de España, ao Intergrupo sobre o Sáhara Occidental do Congreso dos Deputados, ao Intergrupo do Parlamento Europeo, á Comisión Europea, á Delegación da Fronte Polisaria en España e ao Goberno de Marrocos.
 
Así mesmo, enviarase copia ás organizacións saharauís de DD.HH. nos territorios ocupados e á Asociación de Dereitos Humanos marroquí.
 
 

Imaxes relacionadas