O Parlamento de Galicia elixe a Paula Fernández como senadora de designación autonómica e a Dositeo Rodríguez como conselleiro do Consello de Contas



Santiago, 25 de xuño de 2013.- O Pleno do Parlamento de Galicia elixiu esta mañá a Paula Fernández como senadora de designación autonómica e a Dositeo Rodríguez como conselleiro do Consello de Contas de Galicia.
 
Paula Fernández
 
Paula Fernández Pena (Silleda, 1971) deu o salto á política no ano 2007, cando encabezou a  candidatura do PSdeG-PSOE. Foi a lista máis votada e  converteuse   na primeira alcaldesa da historia do municipio de Silleda (Pontevedra).
 
O 19 de outubro de 2009, unha moción de censura apartouna do cargo. 
 
Nas seguintes eleccións municipais, nas que volveu concorrer como candidata do PSdeG-PSOE, foi elexida de novo alcaldesa polos seus veciños, cuios votos lle outorgaron 6 dos 13 concelleiros da Corporación de Silleda e a deixaron a só un escano da maioría absoluta.
 
Paula Fernández é diplomada en Arquitectura Técnica pola Universidade da Coruña.
 
Dositeo Rodríguez Rodríguez
 
Licenciado en Dereito. Profesor Mercantil. Interventor da Administración do Estado. Diplomado en Alta Dirección de Empresas polo Instituto de Estudos Superiores de Empresa. Censor Xurado de Contas. Auditor pertencente ao Instituto de Auditoría e Contabilidade. Diplomado en Comunidades Europeas pola Escola Diplomática do Ministerio de Asuntos Exteriores.
 
Pertence ao Corpo de Inspectores de Finanzas do Estado no que ingresou como número un da súa promoción e ao Corpo Técnico do Ministerio de Facenda e ao de Xestión de Facenda Pública. Desempeñou, entre outros, os postos de interventor adxunto do Ministerio de Sanidade, xerente da Universidade de Santiago de Compostela e interventor xeral da Xunta de Galicia. Membro do Parlamento de Galicia polo Partido Popular na cuarta lexislatura (1993-97).
 
Con data 7 de febreiro de 1990, foi nomeado Conselleiro de Presidencia e Administración Pública, cargo que desempeñou ata o 18 de febreiro de 1999, no que cesou para presentarse como candidato do Partido Popular á Alcaldía do Concello de Santiago.
 
Casado e pai de catro fillos, foi vogal do Grupo Municipal Popular no Concello de Santiago de Compostela e Vicepresidente da Deputación da Coruña.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas