saltar ao contido

A presidenta do Parlamento reivindica a plena vixencia do Consello da Cultura Galega no 30 aniversario da institución


• Este órgano estatutario “soubo atopar o seu espazo no  universo de institucións e entidades que traballan no ámbito da promoción e defensa da lingua e a cultura”
 
• Pilar Rojo valora a capacidade do Consello para “explorar novos espazos para a cultura galega nas súas máis diversas manifestacións

Santiago, 27 de setembro de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, reivindicou esta tarde a plena vixencia do Consello da Cultura Galega, que hoxe celebrou un acto institucional conmemorativo do seu 30 aniversario.
 
A titular do Lexislativo galego considera que ao longo destas tres décadas de existencia, o Consello da Cultura Galega “soubo atopar o seu espazo no  universo de institucións e entidades que traballan no ámbito da promoción e defensa da lingua e a cultura”.
 
No acto celebrado na sede da institución, Pilar Rojo lembrou a algúns dos galeguistas que hai 30 anos formaban parte do Executivo ou do lexislativo autonómicos de entón, como Gerardo Fernández Albor, daquela presidente da Xunta; Ramón Piñeiro, deputado; ou Filgueira Valverde, entón conselleiro de Cultura. Este último prognosticara que o Consello da Cultura Galega non sería “un horto pechado a moitos e aberto a poucos”. Pasado o tempo, afirmou a presidenta do Parlamento, demostrouse que Filgueira Valverde, “atinou na súa predición”.
 
A forza do acordo
 
Recordou tamén Pilar Rojo o trámite parlamentario do proxecto de lei do Consello da Cultura, que “non sempre foi un camiño de rosas”, pero foi un “camiño aberto ao diálogo e no que se acadou un consenso”. En palabras da actual presidenta do Parlamento, “foi a forza da palabra posta en valor para chegar a acordos”.
 
Recoñecemento ao equipo humano
 
Na súa intervención, Rojo Noguera salientou a “entrega dos diferentes equipos humanos” que teñen traballado a prol do Consello da Cultura desde os seus inicios, e expresou ademais o seu recoñecemento aos anteriores presidentes: Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Alfonso Zulueta de Haz.
 
Rojo Noguera tivo tamén palabras eloxiosas para o actual equipo do Consello da Cultura Galega e o seu presidente, Ramón Villares, por “impulsar, con éxito, a tarefa iniciada polos seus ilustres antecesores e por explorar novos espazos para a cultura galega nas súas máis diversas manifestacións”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina