O Parlamento de Galicia aproba os acordos relacionados co funcionamento do Grupo Mixto

 Foron adoptados esta tarde en cadansúa reunión da Mesa e Xunta de Portavoces da Cámara

Santiago, 12 de febreiro de 2014.- A Mesa e Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia aprobou esta tarde os acordos encamiñados a garantir o funcionamento do Grupo Mixto constituído recentemente na Cámara lexislativa.
 
As Comisións con representación proporcional contarán con 14 membros (8 do Grupo Parlamentario Popular, 3 do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, 1 do Grupo Parlamentario de AGE, 1 do Grupo Parlamentario do BNG e 1 do Grupo Mixto). A Deputación Permanente, que incorpora á representante do Grupo Mixto, pasará a contar con 21 membros e maila Presidencia da Cámara. A representante do Grupo Mixto tamén se incorporará a todas as comisións de representación paritaria.
 
Iniciativas en Pleno
 
As normas aprobadas hoxe establecen que, durante cada período de sesións, o Grupo Mixto terá dereito a formular no Pleno da Cámara dúas preguntas orais ao Goberno (unha delas urxente) e unha pregunta ao presidente da Xunta. Tamén terá dereito a defender unha proposición non de lei, unha interpelación e, se é o caso, unha moción. Para acadar unha presenza homoxénea ao longo do período de sesións, as ordes do día do Pleno incluirán, como máximo, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Mixto por cada sesión.
 
O acordo acadado hoxe mantén o volume de iniciativas que viñan defendendo ata o de agora os grupos parlamentarios.

Réxime económico
 
Na reunión desta tarde tamén se adoptou un acordo que asigna ao Grupo Mixto, polos conceptos de subvención fixa e subvención finalista, unhas cantidades equivalentes á quinta parte das que perciben os demais grupos parlamentarios e, polo concepto de subvención variable, a que lle corresponde en función da súa composición (1 deputada).
 
 
 
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas