saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle este luns unha xornada sobre o futuro de Europa no marco da CALRE 2014

 
• Será inaugurada polo presidente do Comité das Rexións, Ramón Luis Valcárcel, e clausurada pola ex-ministra de Asuntos Exteriores de Austria e ex-comisaria Europea de Relacións Exteriores, Benita Ferrero-Waldner
 
• A sesión tamén contará coa participación de profesores universitarios e empresarios
 
Santiago, 30 de marzo de 2014.- O Parlamento de Galicia acollerá este luns, 31 de marzo, unha xornada titulada “¿Por qué nos importa Europa?: O futuro das rexións na Unión Europea”, que se enmarca nas actividades organizadas co gallo da Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) que a titular do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, ostenta durante o ano 2014.
 
Pilar Rojo será a encargada de abrir esta xornada. A conferencia inaugural correrá a cargo do presidente do Comité das Rexións e presidente da Rexión de Murcia, Ramón Luis Valcárcel Siso, que será presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
Mesa redonda
 
De seguido, o programa inclúe unha mesa redonda moderada polo xornalista José Luis Gómez baixo o título “Europa, si ou non?”. Participarán neste debate José Luis Barreiro Rivas, profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela; Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da USC; Cristina Ares Castro-Conde, profesora contratada doutora do departamento de Ciencia Política e da Administración da USC;  Marta Álvarez Quintero, da Granxa Maruxas; e Adolfo Domínguez, presidente da empresa Adolfo Domínguez.
 
A clausura correrá a cargo de Benita Ferrero–Waldner, actual presidenta da Fundación Euroamérica, ex-ministra de Asuntos Exteriores de Austria e ex-comisaria Europea de Relacións Exteriores, e de Comercio e Política Europea de Vecindade. O seu relatorio versará sobre “A importancia de Europa no mundo globalizado” e será presentada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller.
 
Con esta actividade, o Parlamento de Galicia pretende contribuír a suscitar o interese dos cidadáns sobre a realidade europea e alimentar, con argumentos sólidos, un debate sosegado respecto ao futuro das institucións comunitarias.
 
74 rexións e máis 200 millóns de cidadáns
 
Creada en 1997 e integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas, da CALRE forman parte os órganos lexislativos das comunidades autónomas españolas,  consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oito países diferentes e representan a máis de 200 millóns de cidadáns.
 
A xornada poderá seguirse en directo a  través da web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es)

O programa completo está publicado na web do Parlamento de Galicia:
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina