• Pilar Rojo inaugurou a mostra esta tarde na Casa de Galicia en Madrid, onde estará aberta ao público ata o 30 de maio
• “Creemos que a posta en valor da nosa cultura debe consistir en promocionala e compartila cos demais; tender pontes en lugar de crear barreiras”, afirmou a presidenta do Parlamento
Santiago, 8 de maio de 2014.- O Parlamento de Galicia amosa desde hoxe en Madrid a exposición “51 páxinas das nosas letras”, organizada pola Cámara autonómica coa colaboración da Real Academia Galega e a Xunta para divulgar a traxectoria dos escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde a instauración desta celebración, no ano 1963.
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, inaugurou a mostra esta tarde na Casa de Galicia en Madrid, onde estará aberta ao público ata o vindeiro 30 de maio. No acto interviron tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.
Promocionar e compartir a cultura galega
Na súa intervención, Pilar Rojo subliñou que o traslado da exposición a Madrid se enmarca na itinerancia iniciada no Parlamento e que xa a levou á Coruña, Ferrol, O Carballiño, Celanova, Ourense e Lugo e que continuará posteriormente por outros puntos da xeografía galega. A xuízo de Rojo Noguera, “a posta en valor da nosa cultura debe consistir en promocionala e compartila cos demais, sen imposicións; non por illala nin pechala en si mesma; É dicir, tender pontes en lugar de crear barreiras”.
Referiuse a titular do lexislativo galego aos vínculos de algúns dos autores homenaxeados nesta mostra con Madrid, cidade na que naceu Xoán Vicente Viqueira, e na que faleceron Francisco Añón, Armando Cotarelo Valledor, Frei Martín Sarmiento e Lorenzo Varela. E en Madrid viviu tamén Xosé María Díaz Castro, autor ao que este ano se dedica o día das letras galegas.
Tamén Díaz Castro
Por iso, e aínda que a mostra se titula “51 páxinas das nosas letras” e está integrada polas medallas e biografías dos autores homenaxeados ao longo dos primeiros 50 anos (1963-2013) de celebración do Día das letras Galegas, a exposición inaugurada hoxe en Madrid inclúe tamén a medalla correspondente a Xosé María Díaz Castro. “Se en Madrid residiu durante gran parte da súa vida, creemos de xustiza que a súa efixie, entregada xa ao Parlamento, se expoña tamén nesta cidade coincidindo co Día das Letras Galegas deste ano”, explicou a presidenta do Parlamento.
A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento, e que son obra do debuxante, pintor e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía; reproducen a faciana dos homenaxeados no Día das Letras Galegas.
Trátase de modelos de medalla anepígrafos, elaborados por Ferreiro Badía cunha técnica depurada durante anos e orientada a atraer novas audiencias, como os nenos, xa que os relevos están baseados nas xeniais caricaturas realizadas por Siro López, aspecto que aporta frescura a cada peza.
Complétase a mostra con paneis que dan conta das biografías e as principais obras dos autores; estes textos foron elaborados por académicos da RAG.
A exposición incorpora, ademais, un vídeo –elaborado pola Xunta- sobre a historia da celebración do Día das Letras Galegas. Inclúe o relato, en primeira persoa, de Don Francisco Fernández del Riego, impulsor da celebración do Día das Letras Galegas, o que lle da un valor especial ao documental, en opinión de Pilar Rojo.
Colaboración exemplar
A presidenta do Parlamento agradeceu a colaboración que o Parlamento atopou na Real Academia Galega e na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para poder materializar este proxecto expositivo, que considerou un exemplo de colaboración.
Tamén agradeceu a hospitalidade brindada pola Casa de Galicia en Madrid ao permitir amosar a mostra na capital de España.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.