saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle a entrega da XXI edición dos Premios de Publicidade en Galego


 
• Miguel Santalices, vicepresidente co Parlamento, afirma que “o galego vende” e “ten tirón entre os consumidores”
 
• O Parlamento de Galicia acolleu o acto organizado polo Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG no que foron premiados o spot “Faite amigo da Catedral”, da Fundación Catedral de Santiago de Compostela; “O son da nosa fala” de Radio Lugo; e o anuncio “Maxia Verde”, de Aceites Abril
 
Santiago, 14 de maio de 2014.-  O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde a entrega da XXI edición dos Premios de Publicidade en Galego 2013, organizada, como cada ano, polo Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG.
 
O vicepresidente primeiro da Cámara, Miguel Santalices, presidiu o acto, no que destacou que “por fortuna, falar de publicidade en galego pasou de ser un feito anecdótico ou puntual a converterse en algo frecuente”. Santalices atribuíu esta realidade a factores como “a valentía das empresas anunciadas; a profesionalidade dos homes e mulleres que traballan no mundo da publicidade e que aconsellan aos seus clientes o uso da nosa lingua, e o efecto de arrastre liderado, no seu momento, polos medios de comunicación de titularidade pública e as propias institucións”.
 
Sen embargo, a xuízo do vicepresidente do Parlamento autonómico, detrás desta realidade subxace outro feito: “o galego vende e ten tirón entre os consumidores, porque é unha lingua normalizada e de uso cotiá nun país no que podemos facer gala –e a facemos- de bilingüismo harmónico e cordial”.
 
Premiados
 
No acto desta tarde entregáronse os seguintes premios:
 
• Premio de Publicidade en Galego na modalidade de Internet: o premio é para o spot “Faite amigo da Catedral” da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, elaborado polas axencias Arraianos, Arxuina, Meteórica e Planomedia,  e presentado por Arraianos.
 
• Premio de Publicidade en Galego na modalidade de Radio: o galardón distingue o reclamo publicitario “O son da nosa fala”, elaborado e presentado por Radio Lugo.
 
• Premio de Publicidade en Galego na modalidade de Televisión: resulta premiado o anuncio “Maxia Verde” de Aceites Abril, elaborado e presentado pola axencia Imaxe.
Desde 1993
 
A esta edición dos Premios de Publicidade en Galego presentáronse 117 traballos. Os Premios de Publicidade en Galego naceron en 1993 e foron creados polo Consello Asesor de RTVE-G e da CRTVG co obxetivo de promocionar a realización de anuncios en lingua galega.
 
O acto celebrado esta tarde no Parlamento de Galicia contou tamén coa participación da vicepresidenta segunda da institución, María Soledad Soneira; o presidente e conselleiros do Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG, os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura e o director xeral de Comunicación da Xunta, así como o presidente e deputados da Comisión parlamentaria de Control da CRTVG. Entre os asistentes atopábanse representantes de empresas de publicidade, así como das entidades premiadas.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina