saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle un acto no que escolares galegos reivindican o Día Europeo da Ilusión

 
• Pilar Rojo afirma que “a ilusión é motor que move o mundo e nos dá folgos para ser felices”
 
• A presidenta do Parlamento recorda ás máis de 200 nenas secuestradas en Nixeria hai dous meses “polo simple feito de ir á escola e tratar de superar a marxinación”
 
• O manifesto polo Día Europeo da Ilusión parte do concurso escolar da ONCE e a súa lectura na Cámara galega contou coa asistencia do delegado da ONCE en Galicia e a presidenta do Consello Territorial
 
Santiago, 12 de xuño de 2014.- O Parlamento de Galicia acolleu hoxe un acto no que nenos e nenas dos colexios Pío XII e Santa Apolonia, os dous de Santiago, asistiron á lectura pública do Manifesto polo Día Europeo da Ilusión, unha iniciativa xurdida do concurso escolar da ONCE e que reivindica fixar un “Día Europeo da Ilusión” no calendario.
 
O acto, celebrado no Salón de Plenos da Cámara, foi presidido pola titular do Lexislativo galego, Pilar Rojo, e contou tamén coa asistencia do delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e da presidenta do Consello Territorial, Dolores Venancio.
 
Unha vez efectuada a lectura do manifesto por un neno e unha nena, Pilar Rojo agradeceu a presenza deste grupo de escolares, porque para a Cámara galega “é sempre unha ledicia” recibir este tipo de visitas. Felicitou aos escolares por terse presentado ao concurso escolar da ONCE que deu pé ao Manifesto da Ilusión e  recordou que o Parlamento de Galicia convoca tamén desde hai catro anos un concurso similar no que os animou a participar.
 
Respecto á razón do acto celebrado esta mañá, Rojo Noguera afirmou que “reivindicar a ilusión equivale a reivindicar a vida mesma; e supón reivindicar tamén un futuro mellor para todos. Porque a ilusión é o motor que move o mundo e o que nos dá folgos para tratar de ser felices. Porque a ilusión implica sempre positividade”.
 
A presidenta do Parlamento animou aos escolares presentes a afrontar os seus estudos con ilusión, posto que dese xeito “seredes capaces de poñer máis interese na escola, estudaredes con maior proveito e seredes quen de ser, o día de mañá, o que queirades”.
 
O Manifesto polo Día Europeo da Ilusión está sendo entregado en distintas institucións públicas, autonómicas e nacionais, e mesmo chegará a Bruxelas.

Solidariedade coas nenas secuestradas en Nixeria
 
Pilar Rojo chamou a atención dos escolares asistentes sobre as dificultades ás que se enfrontan nenos e nenas nacidos en lugares con menos oportunidades que as do primeiro mundo.  Puxo como exemplo, as máis de 200 nenas secuestradas en Nixeria hai dous meses, e cuia liberación reclamou xa o Parlamento de Galicia nunha  declaración institucional. “Falo de nenas secuestradas  polo simple feito de ir á escola e por tratar de superar a marxinación á que semellan estar condenadas de antemán nun entorno agresivo para a igualdade e os dereitos humanos”, afirma.
 
Pilar Rojo fixo súas unhas verbas pronunciadas recentemente pola Raíña Sofía na sede da ONU, onde dedicou tamén un recordo emocionado ás nenas secuestradas en Nixeria: “Quero dicir aos seus pais que as súas fillas son as nosas fillas, a súa dor é a nosa dor, e a súa esperanza é a nosa”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina