Santiago, 17 de xuño de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, recibiu hoxe no seu despacho da Cámara ao misioneiro xesuíta Andrés Díaz de Rábago (A Pobra do Caramiñal, 1917), que logo de licenciarse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela se estableceu en China no ano 1947.
Durante a súa visita á sede do lexislativo galego, o padre Díaz de Rábago preguntou polo funcionamento da primeira institución de Galicia, mentres que Pilar Rojo se interesou pola traxectoria vital do relixioso que compaxinou a atención médica aos máis desfavorecidos coas tarefas pastorais en diferentes lugares de Oriente.
Na súa recente viaxe a Taiwán como presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE), Pilar Rojo foi informada sobre o labor desenvolvido polo padre Díaz de Rábago.