O Parlamento de Galicia quere recoñecer publicamente o grande logro que supón para o noso pobo a consecución do dominio .gal e darlle os parabéns á Asociación PuntoGal polo traballo, entusiasmo e dedicación para acadar este obxectivo.
Ter un dominio propio é un paso importante para a Comunidade, que agora ten unha marca propia que identifica a nosa lingua e cultura en Internet e que lle dá unha maior visibilidade aos contidos escritos en galego nesta plataforma. É unha ferramenta chave para potenciar o uso do galego na internet, dotar a nosa cultura dun novo instrumento para aumentar a súa visibilidade e facilitar que as empresas gañen en proximidade co público galego.
Por este motivo facemos un chamamento a todas as institucións, asociacións e persoas para que se involucren na posta en funcionamento do dominio.
Singularmente o Parlamento de Galicia declara a súa vontade de incorporarse ao programa Pioneiros desta iniciativa, e ofrecer todo o apoio á asociación PuntoGal no labor de difundir este proxecto e contribuír a facer visible a nosa lingua e cultura e situar Galicia no mapa mundial das comunicacións por internet.
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2014