saltar ao contido

Pilar Rojo avoga por unha maior representatividade dos entes rexionais e locais ante a UE para dar máis voz aos cidadáns

 
• Os 74 parlamentos rexionais con competencias lexislativas de 8 países da UE  solicitan o apoio do Comité das Rexións para avanzar na defensa dos seus intereses en Europa
 
• A CALRE aposta pola gobernanza a multinivel
 
Santiago, 2 de xullo de 2014.-  A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, avogou hoxe en Bruxelas, na súa condición de presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), por “reforzar a representatividade dos entes rexionais e locais ante as institucións da UE” para dar máis voz aos cidadáns europeos nunha Europa democrática.
 
Rojo Noguera fixo esta reflexión no transcurso dunha mesa redonda sobre “O futuro da integración europea e os retos das asembleas rexionais”, na que compartiu tribuna co recentemente elixido presidente do Comité das Rexións, o belga Michel Lebrun.
 
A presidenta da CALRE recordou que coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa, en 2009, os parlamentos rexionais cobraron protagonismo como defensores do principio de subsidiariedade, mediante a aplicación do denominado sistema de alerta temperá que permite valorar, na súa fase inicial, se determinadas iniciativas lexislativas europeas vulneran ou non as competencias rexionais.
 
Quedaron pendentes outras demandas dos lexislativos rexionais como, entre outras, o dereito de acción directa ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que si lle foi concedida ao Comité das Rexións (CdR), órgano consultivo das institucións europeas xunto co Consello Económico e Social.
 
Subsidiariedade na UE
 
A xuízo de Rojo Noguera, resulta necesario “garantir que as entidades rexionais e locais, en especial as asembleas con poder lexislativo, podan traballar a nivel europeo no fortalecemento do principio de subsidiariedade por parte das institucións da UE”.
 
A CALRE, que representa a 74 parlamentos rexionais de 8 estados membros da UE (Bélxica, Alemaña, Italia, Austria, Portugal, Reino Unido, Finlandia e España), solicita o apoio do Comité das Rexións para avanzar na defensa dos seus intereses en Europa, nomeadamente no procedemento lexislativo da Unión Europea, e así llo explicou Pilar Rojo a Michel Lebrun.
 
Referiuse tamén á presidenta da CALRE á importancia da gobernanza a multinivel. Na súa opinión, “é necesario contar coa participación das autoridades rexionais e locais para acadar unha gobernanza a diferentes niveis, real e eficaz, que permita o desenvolvemento dunha boa gobernanza en Europa”.
 
A CALRE sumouse xa á “Carta da Gobernanza a multinivel”, promovida polo CdR e coa que apoia a cooperación entre os diferentes niveis de goberno existentes en Europa, co obxectivo de “acadar unha maior eficiencia lexislativa baixo o respecto do principio de subsidiariedade e proporcionalidade”.
 
Con anterioridade a esta mesa redonda, Pilar Rojo moderou un grupo de traballo sobre “Cooperación e comunicación: relacións interparlamentarias e coas institucións europeas”.
Fortalecer o papel dos parlamentos rexionais
 
Estas actividades enmárcanse nun foro titulado “Fortalecer o papel dos parlamentos rexionais nos asuntos europeos: retos, prácticas e perspectivas”, celebrado na sede do Comité das Rexións da capital comunitaria, e organizado polo propio CdR, e a Universidade de Tubinga co apoio do Goberno rexional de Waden-Wurtemberg.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina