saltar ao contido

Pilar Rojo analiza vías de colaboración entre os parlamentos rexionais europeos e o Consello de Europa

• Participou en Estrasburgo nunha reunión da Mesa do Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa, onde analizou posibles iniciativas conxuntas a curto e medio prazo

 

Santiago, 8 de setembro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, na súa condición de presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), participou esta mañá en Estrasburgo nunha reunión da Mesa do Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa, onde explicou as prioridades do seu mandato e analizou posibles vías de colaboración entre as dúas organizacións.

 

Rojo Noguera explicou que a CALRE aspira a estreitar as relacións co Consello de Europa a través do Congreso de Poderes Locais e Rexionais e recordou que os programas de traballo das dúas organizacións comparten prioridades como a profundización na democracia rexional e local e a defensa dos dereitos humanos.

 

“Consideramos esencial –afirmou Rojo Noguera- que a CALRE participe co Congreso de Poderes Locais e Rexionais na promoción da boa gobernanza e unha maior implicación dos cidadáns no procedemento democrático”. “O desenvolvemento dunha boa gobernanza en todo o continente europeo é a nosa responsabilidade e tamén, por suposto, a defensa dos dereitos dos cidadáns”, agregou a titular do Parlamento de Galicia e da CALRE.

 

Pilar Rojo acudiu a esta xuntanza, preparatoria da asemblea xeral do Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa, prevista para mediados de outubro, atendendo a unha invitación do presidente desta organización, Herwig van Staa. 


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina