saltar ao contido

Pilar Rojo: “Permitir a participación rexional e local en Europa outorgará maior lexitimidade democrática ao proxecto de integración europea”

 
• A titular do Parlamento de Galicia, participou en Milán nunha xornada sobre subsidiariedade na que avogou polo intercambio de información e boas prácticas para  situar ás cámaras lexislativas como “referente”

Santiago, 2 de outubro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, explicou hoxe en Milán, onde participa nunha Xornada sobre Subsidiariedade organizada polo Parlamentro rexional de Lombardía, a extratexia de interlocución que impulsa desde a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas con diferentes institucións europeas para reforzar o papel das cámaras rexionais.
 
Este achegamento da CALRE 2014 a diferentes organizacións e institucións Europeas, como o Comité das Rexións e o Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa, busca “dar voz aos nosos parlamentos en Europa”.
 
Maior presenza en Bruxelas
 
A través do CdR, a CALRE pretende acadar unha maior presenza en Bruxelas e articular “unha maior influencia no procedemento lexislativo europeo desde unha fase inicial”.
 A xuízo de Rojo Noguera, “os parlamentos rexionais deben ser oídos no ámbito europeo para poder ofrecer solucións reais adaptadas ás especificidades e necesidades do seu territorio”.
 
Neste liña, a presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE estima que “as autoridades rexionais e locais, ao ser as máis próximas ao cidadán, conceden unha maior lexitimidade ás accions que desenvolven no seo da UE, e permitir a súa participación a nivel europeo outorgará unha maior lexitimidade democrática ao proxecto de integración europea”.
 
Interparlamentarismo rexional
 
A CALRE e os seus integrantes promoven o  interparlamentarismo rexional a unha escala supranacional”, unha estratexia escamiñada a favorecer o intercambio de experiencias e boas prácticas que permita situar ás cámaras lexislativas como “referente e necesidade” .
Con anterioridade á reunión do Grupo de Traballo de Subsidiariedade, Pilar Rojo participou nunha reunión preparatoria da Asemblea Xeral da CALRE que se celebrará en Santiago de Compostela do 6 ao 8 de novembro.
 
A xornada sobre Subsidiariedade foi organizada polo Parlamento rexional de Lombardía coincidindo coa Presidencia italiana da UE e nela participaron tamén representantes da Universidade de Milán, do Comité das Rexións, da Cámara de Deputados, do Senado e do Goberno italiano. O Parlamento de Lombardía coordina o Grupo de Traballo da CALRE sobre Subsidiariedade.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina