saltar ao contido

Pilar Rojo anima aos participantes na Asemblea da CALRE a sumarse “á longuísima nómina de embaixadores de Santiago e de Galicia”

 
• O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, ofreceu unha recepción no Concello ás delegacións participantes nesta xuntanza anual dos parlamentos rexionais europeos
 
Santiago, 6 de novembro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, animou esta tarde aos participantes na Asemblea Plenaria da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas que se celebra en Compostela a sumarse á “longuísima nómina de embaixadores que Santiago de Compostela e Galicia teñen espallados polo mundo”.
 
Díxoo na recepción ofrecida polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, ás preto de 40 delegacións que toman parte nesta xuntanza anual dos parlamentos europeos aos que se suman, ademais, representantes de outras organizacións internacionais, entre elas de Estados Unidos, Canadá e Xapón.
 
Pilar Rojo explicou que o obxectivo da CALRE que preside pasa por “facilitar canles que incrementen a participación deste nutrido grupo de asembleas rexionais no proceso lexislativo europeo” e recoñeceu que, “como lobby, pretende aumentar paulatinamente a súa influenza nas políticas comunitarias”.
 
A presidenta da CALRE amosou a súa satisfacción por poder converter estes días a Santiago en “epicentro da política rexional europea, a política comunitaria na súa expresión máis preto do cidadán”, e lembrou que Compostela “é protagonista fundamental e principal da historia dos pobos de Europa”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina