saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de novembro de 2014


 

4.2 28477 (09/PNP-002065)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Sánchez Bugallo, José Antonio, e dous deputados/as máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa taxación dos inmobles que está a realizar para os efectos tributarios
Publicación da iniciativa, BOPG nº 360, do 23.10.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a que proceda á revisión das valoracións dos inmobles para efectos de que en ningún caso a taxación para efectos tributarios da Xunta de Galicia poida superar o valor real de mercado do inmoble.»
 
 
4.4 29248 (09/PNP-002112)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Santos Regueiro, José Francisco, e sete deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación coa xestión da Sociedade Galega de Medio Ambiente e o canon que cobra aos concellos polo tratamento do lixo
Publicación da iniciativa, BOPG nº 365, do 30.10.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo unha xestión eficiente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, a rebaixar o canon que se cobra aos concellos pola xestión dos RSU, de acordo co que permita o novo marco retributivo, ao tempo que exixa, polos medios ao seu alcance, que as facturas sexan atendidas co fin de garantir a sustentabilidade do sistema.»

4.8 29709 (09/PNP-002154)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Oubiña Solla, Rosa, e sete deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para o incremento das medidas contra a violencia de xénero en todos os ámbitos e, en concreto, no educativo e no das administracións
Publicación da iniciativa, BOPG nº 372, do 12.11.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar incrementando as medidas contra a violencia de xénero, en todos os eidos, e concretamente:
 
1. No ámbito educativo, impulsando e realizando actividades para a prevención e a sensibilización da violencia de xénero dirixidas á comunidade escolar, coas seguintes actuacións:
 
a) Programas formativos para a prevención da violencia de xénero dirixidos ás ANPA dos centros educativos.
b) Elaboración de material didáctico para a prevención da violencia de xénero na escola.
c) Xornadas de información e formación sobre a violencia de xénero nas redes sociais.
 
2. No ámbito das administracións, coa posta en marcha dun plan de dinamización das mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero de Galicia.»

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina