saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre a petición de asilo político de Hassanna Aalia

Declaración institucional do Parlamento de Galicia
 
Hassanna Aalia, nacido en El Aaiún en 1988  e  activista dende os 17 anos, participou en 2010, xunto con aproximadamente 20 000 saharauís, en Gdeim Izik, no campamento de protesta pacífica máis importante na historia do Sáhara Occidental, desmantelado polo exército marroquí con extrema violencia o 8 de novembro de 2010.
 
O 17 de febreiro do 2013, o Tribunal Militar de Rabat emite sentenza contra 25 civís saharauís acusados de organizaren Gdeim Izik, o campamento da dignidade. Entre eles, Hassanna Aalia, que permanece nesta comunidade e é xulgado en rebeldía e condenado a cadea perpetua.
 
Múltiples foron os organismos a nivel internacional que denunciaron publicamente e de forma unánime que o procedemento seguido no xuízo deste tribunal militar non cumpría as garantías mínimas para consideralo un xuízo xusto, porque as declaracións das persoas acusadas se produciran, aparentemente, baixo torturas, ademais de non poderen presentar todas as probas que demandaron para demostrar a súa inocencia e por encontrarse actas policiais falseadas.
 
Entre os organismos que actuaron como observadores no xuízo  encontrábanse a Asociación Internacional para as Observadoras e Observadores dos Dereitos Humanos, Amnistía Internacional, Human Rights Watch, eurodiputadas/os, a Fundación Sáhara Occidental, a Comisión de Asuntos Exteriores do Parlamento Europeo, así como distintas formacións políticas.
 
Polo tanto, Hassanna cumpriría cos requisitos establecidos para obter o estatuto do refuxiado. No entanto, a resolución que lle notificaron a Hassanna, apoiándose e sen cuestionar a sentenza do tribunal militar de Rabat, decide negarlle este dereito establecido na Lei 12/2009, que establece e regula o dereito ao asilo no Estado español.
 
Por todo o mencionado anteriormente, ínstase o Ministerio do Interior a reconsiderar a petición de asilo político de Hassanna Aalia, aceptando a súa petición de protección internacional, segundo o establecido na Lei 12/2009, dado que, se volve ao seu país, será castigado duramente polas autoridades marroquís e non volverá saír de prisión no que lle quede de vida. E isto porque é unha persoa activa politicamente, de recoñecemento internacional, que loita pacificamente polo dereito de autodeterminación do pobo saharauí.                                              

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2015

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina