4.5 33293 (09/PNP-002439)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa aplicación da redución por transmisión mortis causa da vivenda habitual, prevista no imposto sobre sucesións e doazóns.
Publicación da iniciativa, BOPG nº 419, do 19.02.2015
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, modifique o número 3 do artigo 7 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de tributos cedidos pola Administración xeral do Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 30 de xullo, para lograr que a aplicación da redución por transmisión mortis causa da vivenda habitual poida aplicarse cando o causante deixase de residir efectivamente nela para trasladarse a outra (a dun familiar, centro asistencial, etc.) por razóns médicas ou para procurar a súa asistencia e coidado.
Mentres a dita modificación non se produza, a Axencia Tributaria de Galicia ditará as instrucións oportunas para poder facer efectiva a aplicación da citada redución aos contribuíntes.»
4.8 33915 (09/PNP-002478)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia. Pérez Hernández, Berta, e Oubiña Solla, Rosa.
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co acoso, abuso sexual e discriminación da muller no deporte e coa promoción do deporte feminino.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG nº 422, do 25.02.2015.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
• Elaborar un protocolo para a prevención, detección e actuación fronte ao acoso e ao abuso sexual no deporte.
• Establecer un marco de colaboración institucional en materia deportiva que vele pola igualdade de trato e non discriminación da muller.
• Promover o deporte feminino.
• Potenciar o deporte feminino a través de medidas concretas nas políticas de fomento desenvolvidas no ámbito dos axentes deportivos que coadxuven neste obxectivo.
• Promover a visibilización do deporte feminino, impulsando campañas de sensibilización e promoción, eliminando os estereotipos.
• Potenciar a incorporación nos programas públicos de desenvolvemento do deporte o principio de igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no seu deseño e execución.»
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.