saltar ao contido

Un grupo de oito licenciados universitarios amplían a súa formación no Parlamento durante o ano 2015

Resultaron seleccionados na quinta convocatoria de bolsas de formación convocadas polo Parlamento de Galicia no marco dun protocolo de colaboración asinado coas universidades galegas en 2010.
 
Santiago, 12 de marzo de 2015.- Un total de oito licenciados universitarios ampliarán a súa formación práctica no Parlamento de Galicia durante o ano 2015, unha vez concluído o proceso de selección para a concesión de catro bolsas de formación en arquivo, biblioteca e documentación,  dúas en publicacións, unha en comunicación institucional e outra en informática.
 
Este novo grupo incorporouse ao Parlamento de Galicia o pasado 1 de marzo. A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, deulles a benvida e convidounos a aproveitar esta oportunidade para ampliar a súa experiencia, ao tempo que lles dixo que todas as ideas e achegas que podan formular serán benvidas.
 
As bolsas para a formación práctica de licenciados universitarios na Cámara galega enmárcanse nun protocolo asinado entre o Parlamento de Galicia e as tres universidades galegas en maio de 2010. A actual convocatoria constitúe a quinta edición das mesmas.
 
A actividade formativa que os bolseiros desenvolven na Cámara galega está tutelada polos responsables e demais persoal técnico das unidades do Parlamento de Galicia ás que son asignadas as persoas seleccionadas en cada convocatoria.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina