A presidenta do Parlamento de Galicia participará na conferencia de presidentes de parlamentos rexionais de Europa

 
Un total de 74 rexións de 8 países europeos forman parte deste órgano ao que Pilar Rojo acude por vez primeira desde que asumiu a Presidencia do lexislativo galego
 
 

Santiago, 2 de outubro de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, participará, por vez primeira desde que asumiu este cargo, na Asemblea Plenaria da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Rexionais  Europeos (CALRE), que se celebra en Trento (Italia).
 
Integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas, da CALRE forman parte os órganos lexislativos das comunidades autónomas españolas, consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oitos países diferentes e representan a máis de 200 millóns de habitantes.
 
A XIV Asemblea Plenaria de CALRE, que se reúne en Trento os días 4 e 5 de outubro inclúe, na sú orde do día, a modificación do Regulamento desta organización, así como a aprobación dunha declaración institucional na que os parlamentos rexionais reivindicarán un maior protagonismo no proceso de toma de decisións no ámbito europeo.
 
Na fase previa á celebración desta Asemblea, o Parlamento de Galicia formulou unha serie de emendas á Declaración.

Desde a Presidencia do Parlamento de Galicia tamén se remitiu a CALRE un documento informando sobre a celebración do Xacobeo 2010 e a transcendencia acadada polos Camiños de Santiago non só como rutas de peregrinación, senón tamén como elementos forxadores da identidade europea.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas