O Parlamento de Galicia leva a Buenos Aires a exposición sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas

 
• A mostra abrirase ao público o próximo luns nun acto presidido pola titular da Cámara, Pilar Rojo, na Sala Luis Seoane do Centro Galicia, no marco do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG)
 
• Pilar Rojo ostentará a máxima representación institucional da Comunidade Autónoma no XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que se celebra por primeira vez na capital arxentina coincidindo co 30 aniversario desta organización
 
• A presidenta da Cámara aproveitará o desprazamento para manter diferentes encontros institucionais coa colonia galega asentada na capital arxentina e tamén visitará o Parlamento da Cidade Autónoma de Buenos Aires
 
Santiago, 4 de abril de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, presidirá o próximo luns, 6 de abril, en Buenos Aires, a apertura ao público da exposición “53 páxinas das nosas letras”, organizada pola Cámara galega, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para divulgar as figuras dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde a súa primeira edición, a de 1963. A mostra poderá visitarse na Sala Luis Seoane do Centro Galicia de Buenos Aires ata o vindeiro 3 de maio.
 
A exposición chega a Buenos Aires no marco da celebración do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que se celebra por primeira vez na capital arxentina coincidindo co 30 aniversario organización, que ten como obxectivo a difusión global dos estudos galegos e a creación de redes de conexión entre os distintos centros culturais da diáspora galega. A xornalista Débora Campos é a actual presidenta da AIEG.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia ostentará a máxima representación institucional da Comunidade Autónoma na inauguración deste Congreso, que se celebra do 6 ao 8 de abril.
 
A mostra “53 páxinas das nosas letras” está integrada polas medallas das letras, obra do escultor e medallista Manuel Ferreiro Badía e o debuxante e caricaturista Siro López. Trátase de altorrelevos que reproducen a faciana dos escritores e escritoras aos que se dedicou o  Día das Letras Galegas, instaurado pola Real Academia Galega en 1963 por proposta de Francisco Fernández del Riego. Percorreu xa boa parte da xeografía galega, ademais de ter sido exposta en Madrid, Barcelona e Bruxelas.
 
A Buenos Aires, a exposición chega cun formato modificado, para facilitar o traslado das pezas, pero tamén coas medallas dos autores homenaxeados nas dúas últimas edicións. A mostra orixinal estaba integrada polas figuras dos 51 homenaxeados no primeiro medio século do Día das Letras Galegas.
 
Encontros coa colonia galega
 
A presidenta do Parlamento de Galicia aproveitará este desprazamento para manter diferentes encontros institucionais con representantes da colonia galega asentada na capital arxentina.
 
Pilar Rojo visitará as instalacións do Colexio Santiago Apóstolo, o Centro Galicia de Buenos Aires e a delegación da Xunta de Galicia na capital arxentina. A presidenta do Parlamento de Galicia tamén se reunirá co embaixador de España na República Arxentina e algúns dos conselleiros da misión diplomática española.
 
Pilar Rojo recibirá o nomeamento de Hóspede de Honra do Parlamento da Cidade de Buenos Aires, visitará a Federación de Asociacións Galegas e manterá un encontro coa Unión de Sociedades Galegas da República Arxentina, entre outras actividades.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas