Pilar Rojo subliña o “elevado nivel” da arte galega contemporánea

 
• Participou na inauguración da mostra conxunta dos pintores Alexandro, Lamazares e Vidal Souto no centro cultural Conde Duque de Madrid

Santiago, 23 de abril de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, destacou hoxe o “elevado nivel”  acadado pola arte galega contemporánea, como acredita a mostra  alexandro lamazares vidal souto, inaugurada esta tarde no centro cultural Conde Duque de Madrid.
 
Pilar Rojo subliñou que malia as sinais de identidade “moi diferenciadas” que caracterizan a obra pictórica de Alexando, Lamazares e Vidal Souto, os tres  “se unen a través dos lazos da amizade, nunha exposición conxunta, comisariada por Miguel Santalices, home renacentista, médico, político e amante da arte”.
 
“E tanto se unen, tanto se identifican –sinalou a presidenta do Parlamento de Galicia-, que o nome da exposición se converte nun trabalinguas dos tres nomes unidos”.
 
Pilar Rojo amosouse honrada por poder estar presente na inauguración desta exposición en Madrid e “ser testemuña do seu éxito”. Na súa opinión, a mostra contribúe a dar a coñecer a pintura actual e de vangarda que se fai en Galicia, permite “derribar o mito de que os galegos non sabemos traballar conxuntamente a causa do noso individualismo” e  constitúe unha proba fidedigna de que “a amizade entre colegas está por riba de calquera rivalidade”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas