saltar ao contido

A Escola de Arquitectura da Coruña impartirá un taller de fin de carreira encamiñado a deseñar un edificio parlamentario

· A presidenta da Cámara e mailo director da ETSAC asinaron hoxe un protocolo de colaboración no que se fixa este compromiso, orientado a promover un maior coñecemento da actividade parlamentaria entre os universitarios.
 
· A iniciativa enmárcase no convenio marco asinado entre o Parlamento e as universidades galegas e que xa permitiu materializar outras iniciativas de colaboración, como bolsas de formación ou a ampliación de prácticas.
 
Santiago, 27 de xullo de 2015.- A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) impartirá  no vindeiro curso académico un taller  do proxecto de fin de carreira  centrado no desenvolvemento dun edificio destinado a acoller a sede dun hipotético parlamento rexional europeo. Así o recolle un protocolo de colaboración rubricado esta mañá entre a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e o director da ETSAC, Fernando Agrasar Quiroga, que asinou en representación do reitor da Universidade da Coruña.
 
Este taller sobre arquitectura parlamentaria, dirixido ao alumnado do Master Universitario de Arquitectura, durará un cuadrimestre -de setembro a decembro- e rematará coa exposición pública do proxecto de fin de carreira dos matriculados, no mes de xaneiro seguinte.
 
Durante a impartición deste taller, o alumnado traballará nun proxecto arquitectónico cun contido programático centrado na  actividade propia dun parlamento rexional europeo. O Parlamento de Galicia porá a disposición do profesorado e alumnado participante nesta actividade formativa toda a información que necesiten para que coñezan en detalle todos os aspectos relacionados coa actividade parlamentaria, co obxectivo de que podan reflexionar e debater sobre as necesidades e cualidades específicas dos espazos que centrarán o proxecto de fin de carreira. 
 
Coñecemento real sobre a actividade parlamentaria
 
A tal efecto, o Parlamento de Galicia organizará sesións informativas encamiñadas a que o alumnado teña unha visión o máis real posible  da actividade da Cámara e os distintos condicionantes que a rodean. Tamén se organizarán visitas guiadas á sede do Parlamento de Galicia e se atenderán individualmente todas as consultas que podan efectuar os profesores ou alumnos do taller de proxecto de fin de carreira.
 
Pola súa banda, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña  elixirá a hipotética localización do edificio a proxectar, o seu ámbito territorial e as características da intervención –nova planta ou rehabilitación- e o suposto real ou ficticio, sempre seguindo criterios académicos.
 
Divulgación
 
Este protocolo de colaboración forma parte da estratexia de divulgación impulsada polo Parlamento de Galicia, orientada neste caso á análise e estudo  dos espazos e a arquitectura que alberga  o debate político-lexislativo e as restantes actividades parlamentarias.
 
O documento enmárcase no acordo marco de colaboración impulsado polo Parlamento e as tres universidades galegas e que, entre outras iniciativas, contempla a convocatoria anual de bolsas remuneradas de formación no Parlamento para titulados universitarios ou a realización de prácticas académicas.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina