saltar ao contido

Pilar Rojo reivindica a figura de Cunqueiro na inauguración de '51 páxinas das nosas letras' en Mondoñedo

• Chega a Mondoñedo a mostra itinerante organizada polo Parlamento, coa colaboración da RAG e a Xunta, para homenaxear aos escritores e escritoras aos que se dedicou o Día das Letras Galegas

• A mostra pode visitarse no Centro Comarcal de A Mariña Central ata o 31 de agosto

Santiago, 31 de xullo de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou este mediodía en Mondoñedo, acompañada pola alcaldesa e presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, entre outras autoridades, a exposición 51 páxinas das nosas letras, organizada pola Cámara lexislativa, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para poñer en valor as figuras homenaxeadas nas distintas edicións do Día das Letras Galegas, desde a súa creación, no ano 1963.

Pilar Rojo aproveitou a chegada da mostra a Mondoñedo para reivindicar as figuras de tres escritores mindonienses presentes na mostra: Antonio Noriega Varela, ao que se dedicou o Día das Letras Galegas de 1969; Manuel Leiras Pulpeiro, homenaxeado en 1983; e  Álvaro Cunqueiro, "probablemente o mindoniense máis universal", que centrou a celebración de 1991.

Defensa de Cunqueiro

A presidenta do Parlamento sumouse ás voces que defenden que Álvaro Cunqueiro continúe dando nome a unha rúa de Madrid, e afirmou que agarda un "cambio de criterio que aposte pola sensatez".

A mostra 51 páxinas das nosas letras estará aberta ao público no Centro Comarcal de A Mariña Central de Mondoñedo ata o 31 de agosto e chega a esta localidade despois de ter visitado numerosos puntos da xeografía galega, española (Madrid e Barcelona) e internacional (Bruxelas, Buenos Aires e Montevideo).

A mostra

A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento de Galicia. Son obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía. Están acompañadas dun perfil biográfico e unha breve relación das obras escollidas de cada autor. Tamén incorpora un vídeo sobre a historia do Día das Letras Galegas que inclúe o relato, en primeira persoa, de Francisco Fernández del Riego, impulsor da primeira celebración do Día das Letras, a de 1963.

A mostra, deseñada con vocación itinerante, foi inaugurada inicialmente na sede do Parlamento de Galicia en decembro de 2013 con 51 pezas. Desde entón sumáronselle as medallas de Xosé María Díaz Castro (homenaxeado en 2014) e de Xosé Filgueira Valverde, que centrou a celebración de 2015.

Rematado o acto, a presidenta do Parlamento dirixiuse á Casa Consistorial, onde a alcaldesa a convidou a asinar no libro de Ouro do Concello de Mondoñedo.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina