saltar ao contido

O Parlamento de Galicia súmase á promoción da doazón de sangue

Santiago, 29 de setembro de 2015.- O Parlamento de Galicia acolle esta mañá unha nova xornada de animación á doazón de sangue coa presenza dunha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia na que poden doar deputados e deputadas, persoal da institución e xornalistas acreditados entre as 09:30 e as 14:30.

A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, acompañada pola directora do Centro de Transfusión, María Inmaculada Rodríguez Calvo, visitou a unidade móbil antes do comezo do Pleno da Cámara, onde a informaron de que os hospitais galegos precisan unhas 500 doazóns de sangue diarias para facer fronte ao seu labor asistencial. E, aínda que Galicia, con 40 doazóns anuais por cada 1.000 habitantes, ten acadado os índices mínimos de doazón que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), continúa sendo precisa a colaboración dos cidadáns nas campañas de doazón de sangue.

Nestes momentos precísanse doazóns de todos os grupos sanguíneos, pero especialmente, dos grupos A Positivo, Cero Positivo e Cero Negativo. Lembrar que tres de cada catro galegos e galegas pertencen aos grupos A Positivo ou Cero Positivo, os máis prevalentes entre a poboación da Comunidade.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina