Embaixadores e diplomáticos da Liga Árabe visitan o Parlamento no marco dunha viaxe a Galicia


 
• Pilar Rojo recorda as boas relacións hispano-árabes e agarda que a visita contribúa a reforzar eses vínculos
 
Santiago, 1 de outubro de 2015.- Unha delegación de embaixadores e outros cargos diplomáticos pertencentes a países da Liga Árabe visitaron esta tarde o Parlamento de Galicia no marco da viaxe que hoxe e mañá efectúan á Comunidade co obxectivo de reforzar as relacións institucionais, culturais e comerciais.
 
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, mantivo un encontro con esta delegación no seu despacho da Cámara, no transcurso da cal recordou as tradicionais boas relacións hispano-árabes, e amosou o seu desexo de que esta visita contribúa a reforzar eses vínculos.
 
Pilar Rojo explicou tamén a composición, historia e funcionamento do Parlamento de Galicia. Dase a circunstancia de que mañá venres, 2 de outubro, se cumpren 100 anos da inauguración do edificio que actualmente é sede do Parlamento de Galicia e que nos seus primeiros anos albergou unha Escola de Veterinaria.
 
Logo da entrevista coa presidenta do Parlamento, os integrantes da delegación efectuaron unha visita guiada ao Pazo do Hórreo, e tamén mantiveron encontros bilateriais con representantes dos grupos parlamentarios.
 
A Liga de Estados Árabes, fundada en 1945, está integrada na actualidade por 22 países e representa un mercado estratéxico pola súa proximidade.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas