saltar ao contido

Pilar Rojo defende a cooperación entre os diferentes parlamentos rexionais no primeiro Foro Mundial de cámaras subnacionais

 
• Na súa condición de vicepresidenta dos parlamentos rexionais europeos, foi a encargada de presentar as sesións temáticas que se desenvolven entre hoxe e mañá coa participación de lexislativos de todo o mundo
 
• Reivindica a igualdade de xénero e recorda que sen desigualdades o mundo podería medrar máis e mellor
 
Santiago, 23 de outubro de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, na súa condición de vicepresidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), defendeu hoxe en Milán a utilidade da cooperación entre os parlamentos rexionais, tanto no ámbito europeo, como no internacional, como fórmula para “crear capacidades e desenvolver medidas eficaces para facer fronte aos principais problemas aos que deben facer fronte os nosos territorios”, entre os que citou os fluxos migratorios, o cambio climático e o bo goberno.
 
Piar Rojo, na súa condición de vicepresidenta da CALRE, foi a encargada de presentar esta tarde as sesións temáticas programadas no marco do Primeiro Foro Mundial das Asembleas Lexislativas Rexionais e Subnacionais, que se celebra en Milán, coincidindo coa Asemblea Plenaria anual dos parlamentos rexionais europeos e no que participan representantes de lexislativos de todo o mundo.

Cooperación parlamentaria
 
A presidenta do Parlamento de Galicia reivindicou unha maior cooperación entre as distintas cámaras rexionais, intercambios que se ven facilitados co uso das tecnoloxías da información.
 
“As asociacións de redes (parlamentarias) de ámbito internacional  constitúen unha innovación democrática que pode conducir  a unha renovación que axude a modelar os procesos democráticos  a nivel rexional”, afirmou Pilar Rojo. Nese proceso, a presidenta da Cámara galega insistiu na necesidade de “promover a transparencia” para lograr un achegamento real das institucións aos cidadáns.
 
As sesións temáticas programadas no marco do Foro Mundial das Asembleas Lexislativas Rexionais e Subnacionais estrutúranse en 8 áreas diferentes: Competitividade e paradigmas do crecemento; Alimentar o planeta: enerxía para a vida; Benestar rexional: inmigración, dereitos sociais e oportunidades institucionais;  Desenvolvemento sostible e rexións; Gobernanza a multinivel e a necesidade de traballar en asociación; Políticas fiscais e financeiras; O proceso lexislativo e a súa avaliación; e O valor da norma: a subsidiariedade e os dereitos.
 
Apostar pola igualdade de xénero
 
Na súa intervención, Pilar Rojo chamou tamén a atención sobre o papel determinante da igualdade de xénero. Recordou, nesta liña,  que un estudo da OCDE estima que o PIB global podería incrementarse en 12 trillóns de dólares para o ano 2025 no caso de que a humanidade avanzase decididamente en materia de igualdade de xénero.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina