O Parlamento e a Asociación de Exdeputados/as poñen en marcha a sexta edición do ciclo de charlas divulgativas para estudantes de secundaria

· O IES Francisco Aguiar de Betanzos acolle o próximo xoves a primeira charla do novo curso escolar.
· Máis de medio centenar de centros solicitaron xa actividades deste tipo para este curso.

Santiago, 26 de outubro de 2015.- A sexta edición do ciclo de charlas divulgativas organizada polo Parlamento de Galicia e maila Asociación de Exparlamentarios/as para dar a coñecer a Cámara lexislativa galega entre os estudantes de ESO e Bacharelato arrincará o vindeiro xoves, 29 de outubro, no IES Francisco Aguiar de Betanzos.
 
Será a primeira actividade deste tipo no curso 2015-16, para o que xa están programadas un total de 54 charlas, aínda que o previsible é que a medida que avance o ano académico se xestionen novas solicitudes deste tipo.
 
O número de centros participantes aumenta en cada edición e mesmo se duplicou nos dous últimos cursos. Pasou de 23  centros participantes no curso 2012-2013 aos 50 centros do ano académico 2014-15. 
 
As charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia foron impulsadas pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, na pasada lexislatura coincidindo coa celebración do 30 aniversario da constitución do lexislativo autonómico. 
 
Charla e coloquio
 
Cada unha destas sesións adoita comezar coa proxección dun vídeo sobre o Parlamento de Galicia, logo do cal os/as exdeputados/as participantes teñen cadansúa intervención individual, que é seguida dun coloquio con preguntas e opinións dos estudantes participantes.
 
Trátase dunha actividade plural na que, habitualmente, toman parte tres exdeputados/as de outras tantas formacións políticas.
 
A celebración das charlas para estudantes de ESO e Bacharelato enmárcase na estratexia de divulgación do Parlamento de Galicia, que inclúe tamén un programa de visitas guiadas á institución, a edición de material orientado especificamente ao estudantado galego e un concurso escolar, entre outras actividades.
 
Agradecemento aos exdeputados/as e aos centros
 
A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, agradece a colaboración dos exdeputados e exdeputadas que participan neste ciclo de charlas divulgativas; e tamén o interese amosado polos centros educativos que contactan coa Cámara lexislativa para acoller unha actividade desde tipo.
 
Participantes
 
A primeira charla-coloquio sobre o Parlamento de Galicia deste curso escolar desenvolverase a partir das 13,25 horas do xoves 29 de outubro no IES Francisco Aguiar de Betanzos coa participación dos exdeputados Jaime Pita Varela (PPdeG), Antolín Sánchez Presedo (PSdeG-PSOE) e Carlos Fernando Branco Parga (BNG).
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas