saltar ao contido

Preséntase un volume que recompila os discursos parlamentarios do presidente Fernández Albor

 
• É o primeiro volume dunha colección que incluirá as intervencións máis salientables dos presidentes de Galicia na Cámara lexislativa autonómica
 
• Pilar Rojo recorda que durante a etapa do presidente Albor  se forxaron “pactos froito da xenerosidade, do espírito de concordia que latexaba de fondo, e que fixo posible sentar os alicerces da Comunidade Autónoma”

Santiago, 11 de xaneiro de 2016.- O Salón dos Reis da Cámara galega acolleu esta tarde a presentación do libro “Os discursos parlamentarios de Xerardo Fernández Albor”, o primeiro título dunha colección na que lle seguirán os volumes correspondentes aos presidentes de Galicia que o sucederon.
 
A colección, editada polo Parlamento de Galicia, nace para poñer a disposición de todas as persoas interesadas o material seleccionado. Ademais de editarse en papel, os volumes tamén serán accesibles, de balde, en formato de libro electrónico a través da web do Parlamento de Galicia.
 
A presentación do libro e da propia colección contou coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo Noguera; e de Marcelino Agís, autor do texto introdutorio do volume, no que analiza, desde unha óptica histórica e política, a Presidencia de Fernández Albor.
 
O protagonista do libro, Xerardo Fernández Albor, a través dunha carta dirixida á presidenta do Parlamento, desculpou a súa participación neste acto por razóns de saúde e trasladou o seu agradecemento a “todos os que traballaron pola Autonomía de Galicia”.
 
Na súa intervención, Pilar Rojo apuntou que durante a época que centra o libro presentado hoxe “todo estaba por facer en materia de autogoberno e as institucións carecían do máis necesario, comezando polas súas propias sedes”.
 
Todo por facer, pero semellaba todo posible
 
“Todo estaba por facer –agregou-, pero todo semellaba posible; porque a ilusión e a capacidade daquela xente non coñecía límites. Era o comezo dun tempo longamente acariñado”.
 
A xuízo da presidenta do Parlamento, “coa toma de posesión do Dr. Fernández Albor como presidente da Xunta materializábase unha das arelas longamente ansiadas polos herdeiros dos galeguistas históricos”.
 
Aínda que “foron tempos complicados, malia todo, e visto con
perspectiva, que é como se deben analizar as situacións, o balance resultou altamente satisfactorio”, en palabras de Rojo Noguera.
 
Como exemplo, a presidenta da Cámara recordou que durante o mandato do presidente Albor se aprobaron leis de tanta transcendencia como as de fixación da sede das institucións, de normalización lingüística, do Consello da
Cultura Galega, de Símbolos, do Valedor do Pobo ou da CRTVG, entre outras.
 
Xenerosidade e espírito de concordia
 
“Pero falo tamén –apuntou- das dificultades políticas por todos coñecidas, que non impediron forxar pactos froito da xenerosidade, do espírito de concordia que latexaba de fondo, e que fixo posible sentar os alicerces do que hoxe coñecemos como o edificio institucional da Comunidade Autónoma”.
 
Pilar Rojo alabou tamén  as “boas maneiras” e a “bonhomía” do presidente Albor, “exemplo de dignidade persoal e política ao abandonar a Xunta trala moción de censura”. “Ao presidente Albor, os recoñecementos chéganlle con atraso e, seguramente, de xeito insuficiente, pero estou segura de que a historia saberá recoñecer o seu mérito”, afirmou Rojo Noguera.
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina