saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 27 de xaneiro de 2016

5.1 39526 (09/PNP-002881)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat
Sobre a entrada en vigor do Plan nacional para a abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde e a súa aplicación no ámbito dos centros penitenciarios en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG nº 511, do 02.09.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno da Xunta de Galicia a:
 
• Tomar as medidas necesarias para que, de acordo cos principios e preferencia de dereitos establecidos polo TSXG na súa sentenza do 20 de maio de 2015, o SERGAS proceda a dispensar sen máis dilación os novos fármacos para a hepatite C a todas persoas internas nos centros penitenciarios galegos para as que están establecidos estes tratamentos no Plan Nacional para a Abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Saúde.
 
• Establecer un sistema coordinado entre o SERGAS e a Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias que permita a aplicación efectiva e máis eficaz posible do disposto no Plan para a abordaxe da hepatite C no ámbito dos centros penitenciarios radicados en Galicia.»
 
5.3 43193 (09/PNP-003159)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Acuña do Campo, María Carmen, e dous deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia de igualdade e violencia de xénero e as demandas que debe realizar ao Goberno central ao respecto.
Publicación da iniciativa, BOPG nº 545, do 04.11.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«1. O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia:
 
a) A incrementar recursos e servizos, e a incrementar os
orzamentos para combater e previr a violencia de xénero.
 
b) A reclamar que os concellos e entes locais recuperen expresamente as competencias en igualdade e violencia de xénero, coa consecuente dotación orzamentaria suficiente, igual que o resto das administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, co obxecto de aplicar na súa integridade e de forma eficaz tanto a Lei orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, como a Lei autonómica do 2007 contra a violencia de xénero.
 
c) A crear unha unidade de coordinación contra a violencia de xénero especializada en Galicia.
 
d) A incorporar ao currículo a formación específica en igualdade, educación afectivo-sexual e prevención da violencia de xénero en todas as etapas educativas sobre as que Galicia teña competencias.
 
e) A cumprir e facer cumprir a Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
 
f) A garantir que a condición económica das vítimas non lles impida denunciar unha agresión.
 
g) A garantir un asesoramento personalizado e gratuíto á vítima.
 
h) A garantir partidas económicas que fagan efectivas todas as medidas aprobadas por este Parlamento para erradicar a violencia machista.
 
i) A fornecer ao alumnado contidos que fomenten o respecto e a igualdade entre sexos.
 
j) A acordar coa FEGAMP cursos de formación para os traballadores e traballadoras da Administración local e da policía local (nomeadamante as que máis directamente teñen contacto con vítimas e vítimas potenciais) sobre igualdade de xénero e violencia de xénero.
 
2. O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno do Estado que:
 
1. Repoña e dote suficientemente as partidas orzamentarias, que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia social das vítimas de violencia de xénero, dependentes tanto das comunidades autónomas como dos servizos de proximidade dos concellos.
 
2. Estipule un fondo de apoio aos concellos para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os servizos sociais municipais e centros da muller para o desenvolvemento e cumprimento da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e a Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.
 
3. Poña en marcha, nos xulgados especializados en violencia de xénero, o acompañamento xudicial personalizado para facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia de xénero sobre o itinerario e procedemento máis seguro, no seu percorrido xudicial desde o momento en que poñen a denuncia ata o final do proceso.
 
4. Estableza protocolos de intervención específicos para a atención integral ás mulleres que retiraron a denuncia por violencia de xénero.
 
5. Active de forma permanente o Plan nacional de sensibilización e prevención de xénero.
 
6. Poña en marcha un Plan integral para previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas de violencia de xénero.
 
7. Estipule a obrigatoriedade de que tanto os maxistrados á fronte de órgano xurisdicional especializado como avogados, forenses e equipos psicosociais que interveñan nos xulgados especializados de violencia de xénero teñan certificado, previamente a ocupar o seu posto, unha formación específica na materia impartida por unha institución acreditada.
 
8. Amplíe as disposicións preventivas, procesuais, punitivas e protectoras da lei de 2004 para abarcar, coas adaptacións necesarias, todas as formas de violencia contra a muller, tal como exixe a Recomendación Xeral nº 19 da CEDAW e o Convenio do Consello de Europa sobre Prevención e Loita contra a Violencia contra a Muller e a Violencia Doméstica (Convenio de Istambul), que España ratificou.
 
9. Proporcionar ás funcionarias e funcionarios do Estado (nomeadamante os que máis directamente teñen contacto con vítimas e vítimas potenciais) competencias para unha avaliación positiva en formación específica sobre igualdade de xénero e violencia de xénero, así como en sensibilización sobre o tema.»

 
5.6 44300 (09/PNP-003221)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Angel, e sete deputados/as máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego co fin de mellorar a investigación e a innovación no sector naval
Publicación da iniciativa, BOPG nº 564, do 02.12.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir fomentando a cooperación entre as administracións e os estaleiros públicos e privados que conforman o sector naval galego, co fin de mellorar a investigación e a innovación no sector, co obxectivo de gañar novos contratos e lograr posicionarse internacionalmente nos nichos de mercado máis innovadores como a construción naval convencional, o da eólica off-shore ou a construción e adaptación de buques propulsados por GNL.»
 
5.8 45167 (09/PNP-003273)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fariñas Sobrino, Hipólito, e seis deputados/as máis
Sobre as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia para potenciar a competencia lectora a través da rede de bibliotecas
Publicación da iniciativa, BOPG nº 579, do 11.01.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a afondar no deseño e planificación daquelas medidas que permitan potenciar as estratexias de capacitación e competencia lectora da sociedade galega a partir do reforzo do labor desenvolvido desde a rede de bibliotecas públicas e desde a rede de bibliotecas escolares.»
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina