saltar ao contido

Cinco novos deputados tomaron posesión no Parlamento de Galicia

 

Santiago, 22 de novembro de 2016.- Un total de cinco novos deputados do Grupo Parlamentario Popular tomaron posesión esta tarde, ao inicio do Pleno do Parlamento de Galicia. Trátase de María Antón Vilasánchez (que substitúe a Álvaro Pérez López); José Balseiros Guinarte (releva a José Manuel Cores Tourís); Antonio Mouriño Villar (reempraza a Marisol Díaz Mouteira); José Alberto Pazos Couñago (en lugar de Ignacio López-Chaves Castro); e Daniel Vega Pérez (que ocupará a vacente de José Manuel Balseiro Orol).
 
María Ángeles Antón Vilasánchez
 
Naceu en Mugardos en 1965. Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, rama de Políticas, especialidade de Ciencias da Administración (Universidade Complutense de Madrid). Licenza especial en Estudos Europeos, rama de Políticas (Universidade Libre de Bruxelas). Magister Artis en Administración Pública (Instituto Universitario Ortega y Gasset, Madrid).
 
Funcionaria do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia desde 1993. Ocupou diferentes cargos na Xunta de Galicia: xefa do Servizo de Formación, Cooperación Institucional e Documentación; subdirectora xeral da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago; directora xeral de Turismo; subdirectora de Ordenación, Inspección e Planificación Turística. Foi xerente do Consorcio da Cidade de Santiago desde 2012 ata 2014.
 
Foi concelleira de Cultura e Patrimonio do Concello de Santiago desde xullo de 2014 ata xuño de 2015. Concelleira desde esa data ata a actualidade. En novembro de 2016 accede ao Parlamento en substitución de Álvaro Pérez López, nomeado director xeral do Gabinete da Presidencia da Xunta de Galicia. Deputada do PPdeG por A Coruña.
 
Silvestre José Balseiros Guinarte
 
Naceu en Cerdedo en 1961. É funcionario. Diplomado en Lingua Administrativa e Xurídica Galega. Formou parte das listas do PP ás eleccións municipais en Cerdedo en 2003, e exerceu como tenente de alcalde entre 2003 e 2005. En 2005 accedeu á alcaldía, en substitución de José Luis Jorge Caramés. Nas eleccións locais de 2007 encabeza a lista do PP e é elixido alcalde con maioría absoluta, resultado que revalida nas locais de 2011 e de 2015. En novembro de 2016 accede ao Parlamento de Galicia en substitución de José Manuel Cores Tourís, nomeado delegado da Xunta en Pontevedra. Deputado do PPdeG por Pontevedra.
 
Antonio Mouriño Villar
 
Naceu en Celanova en 1954. É administrativo. Alcalde de Celanova desde 1991 ata 2012 e deputado provincial desde 1995 ata 2012. Foi presidente do Inorde e do Padroado Provincial de Turismo entre 1999 e 2007. Membro do Comité de Dirección provincial do PP de Ourense e da Xunta Directiva do Partido Popular de Galicia. Deputado no Parlamento de Galicia na IX lexislatura, na que foi presidente da Comisión 4ª, Educación e Cultura. Na X lexislatura accedeu á condición de deputado, en novembro do 2016, en substitución de Marisol Díaz Mouteira, elixida delegada da Xunta en Ourense. Deputado do PPdeG por Ourense.
 
José Alberto Pazos Couñago
 
Naceu en Redondela en 1972. É licenciado en Dereito pola Universidade Complutense e UEM-CEES (Universidad Europea de Madrid-Centro Europeo de Estudios Superiores).  Máster en asesoría xurídica de empresas. Foi director xeral de Administración Local da Xunta de Galicia desde decembro de 2013 ata 2016.
 
Concelleiro do PP en Redondela desde 2007 ata 2013  e deputado provincial polo Partido Xudicial de Vigo desde 2011 ata 2012.  En 2013 recibe a acta de deputado no Parlamento de Galicia, que deixa para ser director xeral na Xunta. En maio de 2016 foi elixido coordinador de organización do PP de Galicia. En novembro de 2016 accede ao Parlamento de Galicia en substitución de Ignacio López-Chaves, elixido delegado da Xunta en Vigo. Deputado do PPdeG por Pontevedra.
 
Daniel Vega Pérez
 
Naceu en Ribadeo en 1983. Técnico agrícola sempre vencellado ao mundo rural, onde  hoxe en día exerce a súa profesión na Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA). Con anterioridade traballou nunha cooperativa do sector lácteo na Pastoriza (Lugo).
 
Foi presidente provincial de Novas Xeracións de Lugo e na actualidade desempeña o labor de secretario de Organización do Partido Popular de Lugo desde o último Congreso Provincial no ano 2016. Tamén é vicepresidente do Comité Executivo do Partido Popular de Ribadeo. Accedeu ao Parlamento en novembro do 2016 en substitución de José Manuel Balseiro Orol, elixido delegado da Xunta en Lugo. Deputado do PPdeG por Lugo.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina