Diego Calvo subliña o compromiso do Parlamento de Galicia coa inclusión na celebración do 25 aniversario do servizo de intérpretes de lingua de signos

• Anima ás persoas con diversidade funcional a “non caer no desánimo” e insiste en que o obxectivo está na súa  “plena integración”
 
• Reinvidica a “implicación persoal de cada un de nós” a prol da inclusión a través de “xestos sinxelos”

Santiago, 25 de novembro de 2016.- O vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso, participou este mediodía na conmemoración do 25 aniversario do Servizo de Intérpretes de Lingua de Signos Española e Guías Intérpretes de Persoas Xordocegas (SILSE-GI), impulsado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, onde puxo de manifesto o compromiso “prioritario” do Lexislativo galego coa inclusión.
 
No acto, Calvo Pouso valorou o avance que supuxo, hai un cuarto de século, este servizo, “un punto de inflexión na mellora da calidade de vida e na integración das persoas usuarias do mesmo”.
 
Se ben “resta moito camiño por percorrer ata lograr a plena integración das persoas con diversidade funcional”, avances científicos como os implantes cocleares ou a mellora da oferta de servizos a disposición das persoas con este tipo de carencias sensoriais, “permiten albiscar un futuro con máis e mellores oportunidades para este colectivo”.
 
O vicepresidente da Cámara galega animou ás persoas con diversidade funcional a “non caer no desánimo” a pesar das dificultades ás que se enfontan no día a día e insistiu en que o obxectivo pasa pola súa “plena ingración –que debe respectar e entender a diversidade- nos diferentes ámbitos da vida cotiá: a laboral, a social e mesmo a educativa”.
 
Diego Calvo sinalou que “sen restar importancia ao papel capital que deben xogar os poderes públicos para facer posible a tan necesaria integración das persoas con diversidade funcional”, debe subliñarse a transcencia da “implicación persoal de cada un de nós”.
 
Implicación persoal a prol da inclusión
 
“Todos –agregou- cada un desde as súas posibilidades, pode e debe implicarse no obxectivo da integración: desde desterrar os falsos prexuízos, ata animar ás empresas e institucións a contar coas persoas afectadas”.  Como exemplos da aposta individual pola integración, Diego Calvo sinalou “xestos sinxelos, como orientar o noso consumo cara as empresas que priorizan a inclusión, a responsabilidade social corporativa ou dispoñen de plans de acesibibilidade”.
 
Como exemplo do compromiso do Parlamento de Galicia coa inclusión, Diego Calvo recordou que o Lexislativo galego conta, desde hai dez anos, con interpretación de lingua de signos nos Plenos da Cámara e noutras actividades institucionais singulares, como aconteceu recentemente no acto de toma de posesión do presidente da Xunta de Galicia.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas