Os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León, unidos fronte ao despoboamento e o envellecemento da poboación de Europa

 
• O presidente do Parlamento de Galicia e a presidenta das Cortes de Castela e León mantiveron esta mañá unha reunión en Valladolid previa á constitución dun grupo de traballo da CALRE sobre despoboamento e envellecemento

Santiago, 2 de febreiro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e a súa homóloga das Cortes de Castela e León, Silvia Clemente, mantiveron esta mañá en Valladolid unha unha reunión de traballo previa á constitución do Grupo de Traballo sobre despoboamento e envellecemento da poboación na Unión Europea que puxeron en marcha no seo da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE). Ante a demografía desigual de Europa en 2050 ambos os presidentes reclamaron medidas coordinadas e concretas de todas as institucións europeas.
 
Os 74 Parlamentos rexionais da Unión Europea acordaron, na reunión celebrada na localidade italiana de Varese, en novembro do pasado ano, a creación dun grupo de traballo que analice e estude o despoboamento e o envellecemento de Europa.
 
O obxectivo deste grupo de traballo, que estará coordinado pola presidenta das Cortes de Castela e León, Silvia Clemente, será analizar que factores, económicos, sociais e/ou estruturais están a determinar a demografía de Europa, marcada pola perda de poboación como consecuencia das escasas cotas de natalidade e o envellecemento progresivo da poboación. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, será un dos integrantes dese grupo de traballo.
 
Durante o encontro entre os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León analizouse o cronograma que se vai seguir para a posta en marcha dese grupo de traballo. En primeiro lugar, desde as Cortes de Castela e León convidarase a participar no Grupo aos 74 parlamentos que compoñen a CALRE.
 
Os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León coincidiron en destacar se trata dun grupo de traballo moi relevante para o futuro de toda Europa, e en especial destas Comunidades Autónomas, á vista das proxeccións demográficas até 2050 do Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea.
 
Demografía desigual
 
Segundo estes datos, nese ano haberá unha demografía desigual en Europa. En rexións da Europa oriental pertencentes a países como Romanía, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Lituania, Letonia, Estonia, Croacia, no sur de Italia, de Portugal e a zona norte de España, entre as que se atopan Castela e León e Galicia, producirase un descenso da poboación dun 10%. Mentres, en rexións dos países nórdicos, do Reino Unido, Bélxica, Holanda, Suíza, metade norte de Italia haberá un aumento poboacional do 10%.
 
Por este motivo, segundo destacaron os presidentes das asembleas lexislativas de Galicia e de Castela e León, o reto demográfico debe ser unha prioridade na que todas as institucións europeas deben traballar de forma unánime  coordinada. Se non se produce un cambio nas tendencias poboacionais, como sinalaron Silvia Clemente e Miguel Ángel Santalices, o actual modelo económico e do Estado do Benestar pode sufrir tensións e alteracións.
 
Perspectiva demográfica
 
Todas as políticas da Unión Europea –coincidiron Santalices e Clemente-, deberían conter unha perspectiva demográfica, considerar a existencia destes desafíos e prever instrumentos para facerlles fronte. Todo iso co correspondente respaldo no orzamento europeo por parte dos distintos fondos e instrumentos financeiros. Aspectos nos que, como destacaron os titulares dos dous parlamentos, debe profundar e especificar o grupo de traballo sobre despoboamento e envellecemento da poboación na Unión Europea que puxeron en marcha as Asembleas das Rexións de Europa.
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas