Moción aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 7 de marzo de 2017

Moción aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 7 de marzo de 2017
 
3.1 5662 (10/MOC-000017)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para afrontar os problemas relacionados coa violencia no deporte. (Moción, a consecuencia da Interpelación n.º 4095, publicada no BOPG n.º 57, do 01.02.2017, e debatida na sesión plenaria do 21.02.2017)
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Elaborar, dende a Secretaría Xeral para o Deporte, un informe anual de datos sobre a situación e existencia de condutas violentas asociadas ao deporte en Galicia.
 
2. Constituír un grupo de traballo, coa participación das administracións, federacións, clubs, investigadores, formadores e outros axentes do eido deportivo, que elabore un documento de traballo a partir dunha análise dos datos ofrecidos no informe referido no punto anterior, e propoña as actuacións a levar a cabo.
 
3. Avanzar na diferenciación de condutas sancionables no deporte adulto, coa aplicación regulamentaria sancionadora, e no deporte de formación, con medidas eminentemente formativas e exemplarizantes.
 
4. Colaborar coas federacións na formación específica fronte á violencia a clubs, técnicos deportivos, deportistas e todos os axentes implicados no eido deportivo.
 
5. Promocionar, a través da dotación e recursos á Secretaría Xeral para o Deporte, a realización e participación en actividades que contribúan a fomentar a educación en valores a través do deporte.
 
6. Tomar en consideración como valor positivo engadido, a efectos das convocatorias públicas de axudas, e nas colaboracións directas que estime o Goberno galego, as actividades participadas e/ou organizadas polos clubs e asociacións deportivas que teñan como obxectivo contribuír a unha cultura de tolerancia e igualdade a través do deporte.
 
7. Promover dende as institucións que os distintos axentes participantes no eido deportivo atendan, de maneira especial, ás posibles violencias producidas por motivos de racismo, machismo e/ou ataques á identidade sexual das persoas”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas