Normas de funcionamento da Comisión especial non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade


(Aprobadas na sesión da Comisión Especial Non Permanente para o Seguimento das Políticas Relativas á Discapacidade e Elaboración de Novas Propostas a Prol da Integración das Persoas con Discapacidade, do día 29.03.2017)
 
 
 
I. Obxecto e duración
 
Artigo 1
 
A Comisión especial non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade créase co obxecto de pór en marcha un instrumento institucional na Cámara galega que serva de foro de estudo e debate sobre a discapacidade e para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade.
Para o seguimento das políticas de discapacidade e a elaboración de propostas, a Comisión poderá contar con persoas expertas e/ou representantes dos colectivos de discapacidade.
 
Artigo 2
 
A Comisión créase para a concreta función de estudio prevista no artigo 1 e extinguirase ao remate do labor encomendado e, en todo caso, ao concluír a lexislatura.
 
II. Organización
 
Artigo 3
 
A Mesa é o órgano de goberno da Comisión e terá as seguintes atribucións:

a) Recompilar a información e documentación necesaria para realizar a tarefa encomendada.
b) Organizar as actividades que se consideren necesarias para dotar a Comisión de toda a información que sexa de interese para a elaboración do ditame.
c) Preparar os documentos que deban ser sometidos á deliberación da Comisión.
d) Propoñerlle á Comisión un Plan de traballo, escoitadas as persoas portavoces dos grupos parlamentarios presentes na Comisión e unha vez remitidas por aquelas as correspondentes propostas de plan de traballo.
e) Executar os acordos tomados pola Comisión.
f) Aquelas que en calquera momento lle asigne a Comisión.
 
III. Funcionamento
 
Artigo 4
 
A Comisión será convocada pola súa Presidencia, de acordo coa Presidencia do Parlamento, por iniciativa propia, a petición de dous grupos parlamentarios ou dunha quinta parte das deputadas e dos deputados da Comisión non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade.
 
Artigo 5
 
1. A Comisión e a súa Mesa entenderanse validamente constituídas cando asistan a metade máis un das deputadas e
dos deputados pertencentes a estes órganos.
2. Os acordos adoptaranse por maioría aplicándose o criterio do voto ponderado.
 
IV.  Medios de acción
 
Artigo 6
 
A Comisión poderá exercer as facultades previstas no artigo 44.1 do Regulamento da Cámara. Estas facultades, atribuídas á Comisión no seu conxunto, poderán delegarse na súa Mesa, ao abeiro do disposto na resolución da Mesa do Parlamento do 11 de abril de 1986.
 
Artigo 7
 
A Comisión aprobará un plan de traballo, no que figurará o calendario xeral de actividades. O calendario, mediante acordo da Mesa, poderá irse acomodando ás circunstancias derivadas dun axeitado desenvolvemento dos traballos.
 
V. Ditame
 
Artigo 8
 
A Comisión aprobará un proxecto de ditame que conterá as conclusións ás que chegue.
 
Artigo 9
 
Se a Comisión designara unha ponencia, esta elaborará o proxecto de ditame. O proxecto elevaráselle á Comisión para o seu debate e, se é o caso, a súa aprobación.
 
Artigo 10
 
Redactado o proxecto a Presidencia da Comisión remitirállelo ás deputadas e aos deputados desta  no prazo previsto no calendario de actividades.
 
Artigo 11
 
As deputadas e os deputados da Comisión poderán presentar emendas ao proxecto de ditame dentro dos dez días hábiles seguintes a súa remisión.
 
Artigo 12
O proxecto do ditame coas emendas presentadas será obxecto de debate no seo da Comisión, para a súa aprobación definitiva por aquela.
 
Artigo 13
 
Os grupos parlamentarios e as deputadas e os deputados da Comisión poderán formular votos particulares ao ditame cando discrepasen do seu contido.  Os votos particulares deberán presentarse á Mesa da Comisión dentro dos cinco días hábiles seguintes á finalización do ditame.
 
Artigo 14
 
1. O ditame cos votos particulares que houbese seranlles remitidos á Mesa do Parlamento, nos cinco días hábiles seguintes á súa terminación, para os efectos da súa tramitación e aprobación no Pleno, se fose procedente.
2. O ditame cos votos particulares que houbese, serán publicados no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
 
Disposición derradeira única
 
En todo o non previsto nestas normas aplicarase supletoriamente o Regulamento do Parlamento de Galicia.
 
 

Imaxes relacionadas