saltar ao contido

O Parlamento de Galicia súmase á celebración do Día de Europa cunha xornada sobre a incidencia da adhesión da UE para a Comunidade Autónoma

 
• A xornada enmárcase na conmemoración do 35 aniversario do Parlamento de Galicia e coincide co 60 aniversario do Tratado de Roma e co 40 da ingreso de España no Consello e Europa
 
• Será inaugurada polo presidente do Parlamento, contará con ponentes de institucións europeas e da universidade e incluirá unha Mesa redonda coa participación dos voceiros dos catro grupos parlamentarios
 
Santiago, 23 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia sumarase á celebración do Día de Europa cunha Xornada que se celebrará con anterioridade, o 5 de maio, sobre  “A incidencia  da adhesión á Unión Europea” e que contará con ponentes das institucións europeas e expertos universitarios, ademais dunha mesa redonda coa participación dos portavoces dos catro grupos políticos representados na Cámara galega.
 
Esta xornada enmárcase nas actividades programadas para conmemorar o 35 aniversario da Constitución do Parlamento de Galicia e  coincide co 60 aniversario do Tratado de Roma e co 40 da entrada de España no Consello de Europa.
 
A actividade será inaugurada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que dará paso a un panel de expertos que analizarán a realidade do “Parlamentarismo no proceso de integración Europea”, no que participarán a responsable de Desenvolvemento Rexional e Urbano da Representación da Comisión Europea en España, Katerina Fortún; e a presidenta do Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa, Gudrum-Mösler Tornstorm.
 
O papel dos parlamentos rexionais
 
“Os Parlamentos rexionais: actores clave para a promoción da democracia rexional e as súas interaccións coas institucións da Unión Europea” será o título da seguinte sesión, moderada polo secretario xeral do Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa, Andreas Kiefer. Esta sesión contará con relatorios da profesora titular de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais acreditada a catedrática da USC, Maria Isabel Lirola Delgado; e do catedrático de Dereito Internacional Público da UDC, titular da Cátedra Jean Monnet de Dereito Comunitario e Director do Instituto Universitario de Estudos Europeos “Salvador de Madariaga”, Juan Manuel Sobrino Heredia.
 
De seguido, o Parlamento de Galicia acollerá unha mesa redonda titulada “Galicia na Unión Europea, Europa no Parlamento de Galicia”, moderada pola xornalista Susana López, e na que os portavoces das catro forzas políticas representadas na Cámara galega compartirán as súas opinións cos asistentes.
 
Impacto do Brexit
 
As intervencións dos diferentes relatores irán seguidas dunha quenda de preguntas na que se poderán debater sobre cuestións de actualidade como o impacto do Brexit e posibles estratexias encamiñadas a reverter os seus efectos.
A xornada será clausurada polo vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso.
 
As persoas interesadas en participar nesta xornadas poden inscribirse de balde no Parlamento de Galicia ata completar o aforo. Os  inscritos recibirán diploma acreditativo de asistencia.
 
Este tipo de xornadas tratan de introducir novas fórmulas de participación dos cidadáns no debate parlamentario e buscan incrementar o contacto do Parlamento de Galicia co tecido social e educativo da Comunidade Autónoma.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina