saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 24 de maio de 2017

4.1 1245 (10/PNP-000111)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Núñez Centeno, Aurelio Alfonso, e catro deputados/as máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da mellora e clarificación da regulación da publicidade sanitaria, no relativo a centros, establecementos, bens e servizos para evitar anuncios enganosos
Publicación da iniciativa, BOPG nº 18, do 23.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que mellore e clarifique a regulación da publicidade sanitaria no relativo a centros, establecementos, bens e servizos, para evitar anuncios enganosos, limitando especialmente todo aquilo que poida constituír un risco para a saúde, e contando para iso cos colexios profesionais.»

4.2 5577 (10/PNP-000473)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Antón Vilasánchez, María Ángeles, e oito deputados/as máis
Sobre o mantemento e promoción pola Xunta de Galicia das axudas na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago, como mínimo, ata o ano 2020
Publicación da iniciativa, BOPG nº 75, do 01.03.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a manter e promover as axudas na Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago nos próximos anos, como mínimo ata o ano 2020.»
 
4.7 8571 (10/PNP-000803)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Villoslada, Juan Manuel, e dous deputados/as máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central, así como a actuación que debe levar a cabo en relación coa situación política e social que se está a vivir en Venezuela, e, nomeadamente, a das persoas galegas emigrantes nese país
Publicación da iniciativa, BOPG nº 112, do 10.05.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
1º. Demandar do Goberno do Estado unha acción exterior firme, prioritaria e prudente co Goberno da República de Venezuela que, apostando polo diálogo, garanta as liberdades democráticas venezolanas, coa liberación dos presos políticos, asegure os necesarios procesos electorais transparentes e exixa o máximo respecto aos dereitos humanos.
 
2º. Demandar do Goberno central unha solución urxente con Venezuela, co fin de garantir a protección da nosa emigración naquel país, reforzando os contactos diplomáticos co Goberno venezolano e promovendo as accións legais que sexan oportunas en prol do efectivo cumprimento do convenio bilateral de Seguridade Social entre España e Venezuela, asinado o 12 de maio de 1988; establecendo os mecanismos precisos para que o Goberno de Venezuela garanta ao español o pagamento do importe íntegro das cantidades obxecto de débeda e a continuidade das prestacións.
 
3º. Que se dirixa ao Goberno de España para que lles garanta aos pensionistas de Venezuela residentes en Galicia e no resto do Estado que cumpran os requisitos exixidos polas normas xerais españolas o cobramento da pensión que lles corresponda, por non ter efectividade os ingresos de Venezuela, de tal xeito que poidan percibir  a prestación periódica que proceda en función da súa situación social segundo o previsto na nosa lexislación vixente, adiantándoa de xeito transitorio, sen carácter consolidable e con carácter reintegrable, ata que o Goberno de Venezuela volva regularizar o pagamento das súas pensións.
 
4º. Adoptar todas as medidas necesarias para atender as necesidades máis urxentes dos emigrantes galegos máis afectados pola súa situación en Venezuela e polo non-pagamento das súas pensións por parte do seu Goberno.»
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina