O presidente da Cámara de Representantes de Uruguai visita o Parlamento de Galicia

• Mantivo un encontro co presidente do Parlamento de Galicia e coa Mesa da Cámara
 
• O presidente do Parlamento de Galicia explicoulle o funcionamento da Cámara galega e as medidas implantadas para facilitar a participación cidadá na actividade parlamentaria e os avances en materia de transparencia

Santiago, 29 de maio de 2017.- O presidente da Cámara de Representantes da República Oriental do Uruguai, José Carlos Mahía, visitou esta mañá o Parlamento de Galicia, onde foi recibido polo titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, que estivo acompañado polos restantes integrantes da Mesa.

Durante a entrevista, celebrada no despacho do presidente do Parlamento de Galicia, Mahía e Santalices falaron do funcionamento dos lexislativos uruguaio e galego e da situación da colonia galega residente na República Oriental. O presidente da Cámara de Representantes do Uruguai asinou no libro de honra do Parlamento de Galicia.

Participación cidadá

O presidente do Parlamento de Galicia explicou ao presidente da Cámara de Representantes de Uruguai os recentes cambios normativos aprobados en Galicia para facilitar a participación cidadá na vida parlamentaria e os avances en materia de transparencia. Falaron tamén da posibilidade de establecer algún tipo de acordo de colaboración, no futuro, entre a Cámara de Representantes de Uruguai e o Parlamento de Galicia.

A visita da delegación uruguaia ao Parlamento de Galicia rematou cun percorrido pola sede do Lexislativo galego.

Posteriormente, Santalices Vieira acompañou á delegación uruguaia na recepción ofrecida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no Pazo de Raxoi.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.



Imaxes relacionadas